UNHA ESCOLMA DO PAPEL

Tonhito de Poi: “Usamos o galego nas nosas letras por ser a nosa lingua habitual”

Após unha longa paréntese, o 2013 presenciaba o nacemento do oitavo álbum de estudo de Heredeiros da Crus. Jard Rock con fe reafirmou o poderío dos de Ribeira para encheren auditorios, seducindo un novo público e cumprindo as peticións de retorno do antigo, que non os esquecía. Hoxe falamos co seu líder e guitarra solista, Tonhito de Poi, un persoeiro versátil que logrou cambiar o mar polos escenarios e os focos.

Recuperamos esta reportaxe do Sermos62, publicada o 29 de agosto de 2013.

Tonhito de Poi (Imaxe: SG)
photo_camera Tonhito de Poi (Imaxe: SG)

Após anunciaren a súa separación no 2005, como decorreu o reencontro? 

No ano 2012, a banda cumpría vinte anos e queriamos celebrar o noso aniversario cun concerto. E, como foi todo un éxito, decidimos sacarmos un novo disco. Con todo, se volvemos foi porque a xente o demandaba a través das redes sociais, que nos permitiron contactar co noso público de sempre e co novo. A vida dos Heredeiros está nas mans dos nosos seguidores e, namentres sigan demandando a nosa presenza, aí estaremos. Somos un grupo que lle bota moita paixón e as gañas de tocarmos xuntos son mesmo superiores ás do principio. 

Nunha entrevista recente afirmou que todos os integrantes maduraran moito musicalmente. Como se concreta esta evolución en Jard Rock con fe? 

Realmente foi o pasado o que nos guiou. Dalgún xeito, recollemos o que sementamos. Malia que predicimos un cambio, foi un álbum moi continuísta e o traballo en solitario vai tardar inda en concretarse. Con todo, agardo que serva para crearmos algo máis fresco, novo e profundo, mais sen perder a esencia. Chegamos cos folgos renovados desa paréntese porque a convivencia dunha banda é moi dura, como a dun matrimonio, pero sen sexo [ri]. 

Por que decidiron permitir a escoita de balde do novo disco dende a súa web? 

O mercado discográfico non está nun bon momento e, de todos xeitos, como a xente ía subilo á rede, decidimos adiantarnos. No entanto, por escoitar un disco na internet, eu nunca renunciei a o comprar nas loxas. 

"A nivel de produción, de estilos e de vías para transmitir os traballos, nunca houbo un momento máis potente".

Heredeiros foi a banda sonora de toda unha xeración. Partillan o mérito co Xabarín Club? 

Por suposto. Cando apareceu o Xabarín, as bandas galegas tomamos consciencia de pobo e nos aliamos. O programa soubo captar o que fervía no país -a música, a estética- e conectar os grupos coa audiencia. En definitiva, devolveulle a televisión ao pobo galego e por iso trunfou. Todos os grupos polos que apostou O Xabarín tiveron unha época dourada na que era posíbel vivir da música. Verdadeiramente, había unha industria musical na Galiza. 

Que momento atravesa o rock galego? 

A nivel de produción, de estilos e de vías para transmitir os traballos, nunca houbo un momento máis potente. Antes, para sacar un disco, había que pensalo moito porque os custos eran moi elevados. Hoxe, a tecnoloxía permite gravar as cancións dende a casa e partillalas co mundo dun xeito instantáneo, malia que no mercado non haxa saída para todos. 

E canto aos concertos e festivais? 

Hai os xustos. Nunha terra como a Galiza, onde as orquestras acaparan a práctica totalidade da oferta cultural, hai que valorar moito as iniciativas, públicas ou privadas, que apostan por un festival ou un concerto de rock. Nas festas locais, inda que mantendo as verbenas por seren sagradas na nosa tradición, debería deixarse un espazo para outros espectáculos. Neste senso, os camiños de transmisión en vivo de estilos coma o rock son moi deficitarios neste país. 

"Logramos encher en cidades como Madrid, Londres ou Nova York, e non só co apoio do público galego".

Co galego das Rías Baixas por bandeira atesouraron seareiros fóra das fronteiras nacionais. Había unha consciencia política no uso da lingua? 

Non. Se usamos o galego nas nosas letras é por ser a nosa lingua habitual. A música está por riba desas discusións. Porén, logramos encher en cidades como Madrid, Londres ou Nova York, e non só co apoio do público galego. Para min, é imposíbel separar a música das letras porque os idiomas son coma un instrumento máis, teñen a súa musicalidade. 

Recibiron críticas do movemento feminista por ese costume de subir unha stripper ao escenario? 

Ultimamente non, mais sempre hai algunha trasnoitada que pensa que todo o que ve é real. De feito, Yara, a nosa stripper, anoxábase moito crendo que querían rematar co seu traballo e eu adoitaba tranquilizala pola experiencia que teño. Cando comezamos, era moito máis esaxerado. Recibiamos críticas más por todos lados e, proviñeran da dereita ou da esquerda, eran idénticas. A Nosa Terra dedicounos o inesquecíbel titular de “Merecemos grupos dignos”, supostamente, por denigrarmos á muller. Esa época foi dura de verdade. Mesmo, nun concerto en Santiago, arrebolárannos pedras e botellas, namentres cun megáfono nos chamaban fascistas e sexistas. Nunha ocasión, acabei no hospital e o batería ten varios puntos nun brazo de recordo. Os galegos somos especialmente crueis co traballo alleo nos foros de opinión.

Esta reportaxe apareceu no Sermos62, publicado o 29 de agosto de 2013 

Comentarios