Cultura

'Urxa', a meiga como imaxe da matria

O filme máis esquecido de Cinegalicia
Urxa
photo_camera Fotograma de 'Urxa', con Miguel de Lira (esquerda) e Luma Gómez (dereita).

Dirixido por Carlos López Piñeiro e Alfredo García Pinal, Urxa é o máis descoñecido dos tres filmes estreados en 1989 baixo aquel evento inaugural do noso audiovisual que foi Cinegalicia.

A paixón polo cinema vénlle a Piñeiro desde cativo: "moito cinema clásico vino con 10 ou 11 anos sen ser consciente, nas reestreas do Teatro Principal de Pontevedra". Tempo despois, cando estudaba historia en Santiago, entrou en contacto cun equipo de cinema amador, o Grupo Lupa, no que se atopaban Euloxio Ruibal ou Roberto Vidal Bolaño.

Socio de cineclubes, foi así como descubriu que "calquera podía facer películas, aínda con moitas limitacións". Ao trasladarse á Coruña, formou parte do Grupo Imaxe, outro dos grandes referentes da época. "Coa aparición de Víctor Rupein -vencellado ao sector inmobiliario- como mecenas, demos o salto ao 16 milímetros", conta Piñeiro. Con Illa (1976) obtiveron o premio á mellor película nas IV Xornadas de Cine Independente en Madrid. "Iso animounos a seguir turrando do carro", comenta o director.

De tres a unha

Urxa pensouse nun comezo como tres curtametraxes independentes. "Eu tiña unha frustración", explica Piñeiro, pois en 1985 o Ministerio de Cultura concedéralle, a través do Instituto de Cinema, naquela altura dirixido por Pilar Miró, unha subvención anticipada para unha longametraxe. "Daba botes de ledicia", afirma, e procurou apoio na Xunta e na TVG, pero "paradoxalmente non atopei axuda na Galiza e o proxecto quedou frustrado".

Coa chegada do Goberno tripartito na Galiza en 1987 abriríase unha nova posibilidade de financiamento, pois até o momento só se concedían subvencións a longametraxes foráneas rodadas no país. En 1989 formouse unha asociación de produtoras que foron o xermolo do sector audiovisual galego, reclamando o apoio institucional co que finalmente viron a luz Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro; Continental, de Xavier Villaverde e a propia Urxa. A Carlos Piñeiro e García Pinal o momento colleunos "con subvencións a tres curtametraxes, polo que pensamos en convertelas nunha longametraxe de sketches, que naquela época, quer nos Estados Unidos quer en Europa, era un formato habitual".

De aí que Urxa presente tres  episodios de  orixe  diversa:  "O medallón de Urxa" parte dun guión orixinal, "O arcón  de  Petro  Xesto" adapta un relato de  Carlos  G.  Reigosa -"O tesouro de Petro Xesto", incluído  no  libro  Homes  de  tras  da  Corda  (1982)-  e "O ídolo de Mider" baséase en "El ídolo de las Cícladas", conto de Julio Cortázar editado en Final del juego (1956). O material heteroxéneo fica unido pola presenza a través do século XX de Urxa, interpretada por Luma Gómez.

Meiga, matria e natureza

A personaxe vertebradora das historias concíbese como "unha meiga, que non bruxa", puntualiza Piñeiro, pois ten esta última connotacións negativas que non aparecen no seu filme. "Urxa é unha curadora, non unha enfermadora", explica. Trátase ademais dunha figura que bebe das fontes da oralidade. "Aínda que son urbanita e nacín na Coruña, meus pais viñan do rural" e o director visitaba con frecuencia a aldea. Lembra que unha das súas preferencias, xunto ao resto da rapazada, era visitar nas noites á señora Asunción para escoitar aqueles "contos de lareira" que tan ben narraba. "Ela, que era analfabeta, posuía porén unha sabedoría popular que non se pode perder", afirma Piñeiro. Malia non ser daquela consciente, co paso dos anos a pegada desas lembranzas levouno a reflexionar sobre os valores que transmitían as súas historias.

Nese pouso que emparenta cun posíbel realismo máxico cunqueiriano emerxe Urxa, a figura da muller rural e sabia, a meiga que encarna a matria. "Eu penso que, no subconsciente, as persoas que tivemos relación fonda coa Galiza rural estamos moi imbuídas do concepto da matria, non da patria". Isto asóciase á terra, representada por unha muller como Urxa, que "coñece a natureza e a forma de se relacionar con ela e cos demais, procurando sempre o equilibrio, solucionando problemas e xestionando conflitos".

Esta é unha concepción que o director sente en relación ao universo de Chano Piñeiro, especialmente na curtametraxe Mamasunción (1984), e que persiste nos nosos días, como lle descubriría Manuel Gago, a través de personaxes como a de Benedicta (O que arde, 2019) ou outras que mesmo transcenden as nosas fronteiras.

Abrir camiño

A reformulación de tres curtametraxes nunha longametraxe xerou certas limitacións orzamentarias. Comparado co custo medio dunha película, o presuposto de Urxa era moi inferior, a pesar de tratarse dun filme de época, con todo o que iso implica. "Tiñamos un capital humano pouco experimentado e un capital material escaso, o que se traduce en enormes dificultades. Perdemos pelo e caneamos", explica. Existía ademais unha forte disparidade entre o director de fotografía e o foquista, profesionais que viñan de Madrid, e o resto de "novatos" do equipo. "Nunha industria consolidada, se un fai o seu primeiro filme está rodeado de xente que leva moitas rodaxes nas costas", afirma Piñeiro, na procura de suplir esa inexperiencia propia. Porén, na Galiza daquela época partíase de cero. 

A chegada do cinema á aldea foi tamén un shock para as propias habitantes. "Nos últimos 15 anos pos un trípode e todo o mundo pasa de ti, pero daquela formábase unha tertulia arredor da cámara", lembra, unha réflex 2C como a que sae n'A Chaqueta Metálica.

Tres décadas de cinema

A Piñeiro gustaríalle ter visto a estrea de Urxa en Andalucía, en versión orixinal subtitulada, como aconteceu no momento. Xa aquí "parecía un filme xaponés, polo ritmo, a atmosfera...", comenta. A nivel global, a chegada do Partido Popular ao Goberno levou a unha parada nas axudas, que deixaron de convocarse varios anos até a súa recuperación en 1995. Daquela comézase de novo, pero cun modelo de produción no que "impera un intento por remedar a película española, é dicir, por facer filmes na Galiza rodados  en castelán, con actores que non sabían ou non se adaptaban a falar galego". A desculpa, conta Piñeiro, era vender. Mais estas obras en busca de resultados de billeteira non funcionaron. "Se non tiveron rendibilidade cultural -non se buscou- nin comercial, para que serviron?", pregúntase Piñeiro.

Doutra banda, as subvencións dependentes da Xunta crearon un "círculo fechado e moi endogámico condicionado polas cláusulas das convocatorias, que fan practicamente imposíbel que ningunha produtora externa entre nel". Fronte a estas, as axudas ao talento promovidas durante o bipartito xogarían un rol importante nos primeiros pasos de moitos dos nomes actuais do cinema galego.

Piñeiro refire como tendencia maioritaria nos filmes a "vontade de que fóra da Galiza non se notara que eran galegos". Fronte a ese esvaecemento da identidade, nun mundo cada vez máis globalizado, o máis interesante, segundo demostra o éxito internacional cando menos dunha parte do bautizado como Novo Cinema Galego, é precisamente o contrario: "As historias son as mesmas, pero a forma de contalas ten particularidades. Se non defendes iso, a túa orixinalidade, perdes o tempo".

Comentarios