Uruguai declara monumentos históricos nacionais tres obras do ‘rianxeiro’ Eladio Dieste

No centenario do nacemento deste enxeñeiro e profesor uruguaio con raíces galegas, sobriño de Rafael Dieste, o Ministerio de Cultura de Uruguai engade máis un recoñecemento da súa obra.

Eladio Dieste arquitectura

O Ministerio de Educación e Cultura declarou monumentos históricos tres obras de Eladio Dieste (1917-2000), enxeñeiro e profesor nado en Artigas (Uruguai) de ascendencia galega. Sobriño de Eduardo e Rafael Dieste, o propio Eladio recoñeceu sempre a gran influencia que na súa vida tivo o seu tío Rafael, con quen intensificou trato no exilio do rianxeiro e posteriormente na casa familiar da vilabarbanzán. "Rafel Dieste tivo marcada influencia na vida e formación cultural de Eladio", afirma o profesor Alfredo Álvarez, experto na obra e traxectoria do enxeñeiro uruguaio.

Eladio dieste

O recoñecemento de Uruguai refírese a tres obras que están no departamento de Maldonado. A Casa Berlingieri (Punta Ballena, 1947), Centro deportivo municipal Carolino (San Carlos, 1968) e a Torre de Telecomunicacións (Maldonado, 1986). En todas elas, este enxeñeiro a quen moitos cualificaban como artista perseguiu a máxima expresión arquitectónica a través da estrutura e o uso do tixolo coas súas bóvedas de dupla curvatura. Dieste tivo como enxeñeiro civil un recoñecemento internacional polo uso do que el denominou cerámica armada, construcións abovedadas realizadas con tixolo, armadura de aceiro e un mínimo de formigón.

Entre os recoñecementos á súa obra figura a declararción polo Museo de Arte Moderno de Nova York do 2005 como ‘Ano Eladio Dieste’. Entre as obras de maior recoñecemento de Dieste figuran a Parroquia do Cristo Obreiro, a igrexa de S. Pedro de Durazno, o depósito portuario 'Julio Herrera y Obes' ou a estación de autocarros de El Salto, entre outras.

Comentarios