A Universidade da Coruña afonda na produción editorial durante o franquismo

Representantes do mundo editorial participan no seminario “Cultura galega e edición na Galiza franquista” que se desenvolve este mércores día 22 na Universidade da Coruña, enmarcado no proxecto de investigación dirixido pola profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulián que afonda na relevancia das iniciativas editoriais na recuperación da cultura galega. 

editorial
photo_camera editorial

O presidente da Asociación Galega de Editores e director de Xerais, Manuel Bragado, o director de Alvarellos, Henrique Alvarellos, o director do CGAI e bibliófilo, Guillerme Escrigas e o ex-subdirector Xeral do Libro da Xunta, Xulián Maure participan no seminario “Cultura galega e edición na Galiza franquista” que se desenvolve na mañá deste 22 de febreiro na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. O seminario enmárcase na investigación dirixida pola profesora Carme Fernández Pérez Sanjulián, que estuda o papel das distintas iniciativas editoriais que se desenvolveron na Galiza durante o franquismo e analisa a súa relevancia na recuperación da cultura galega. 

Recompilación da produción editorial

No marco do proxecto elaborouse unha completa recompilación da produción editorial galega entre os anos 1939 e 1975 co fin de estudar os distintos proxectos editoriais, os seus protagonistas e os seus debates ideolóxicos. Editoriais, lugares de edición, temas , editores, imprentas, liñas editoriais, tiraxes, vinculacións a outros proxectos... son algúns dos elementos analizados no proxecto que ten como obxectivo difundir o traballo desenvolvido polas editoriais. O resultado da investigación e a base de datos da produción editorial disponibilizaranse na rede por medio dunha páxina web do proxecto arredor da produción editorial en galego que se completará en breve coa produción en español na mesma etapa. 

O proxecto “Produción editorial na Galiza durante a etapa franquista (1939-1975)”, dirixido por Carme Fernández Pérez-Sanjulián, conta coa colaboración de  Mª Antonia Pérez Rodríguez, Francisco Salinas, Luís Martínez-Risco, Carlos F. Velasco Souto e Charo Portela Yáñez, así como do Laboratorio de Datos da FIC da UDC.

Comentarios