A Universidade aclamou de novo a Otero Pedrayo

O 5 de marzo de 1958 cumpría 70 anos e conseguía que a Universidade rebordara entusiasmo no acto solemne da súa xubilación, intervención que Otero faría en galego naquel duro tempo do  franquismo. A conmemoración do acto volveu encher o Paraninfo, desta volta para a presentación da fotobiografía dunha das figuras da nosa cultura. 

Na lembranza de Otero en 2015
photo_camera Na lembranza de Otero en 2015

Os da Universidade foran os anos “máis ledos” da vida de Otero Pedrayo e a súa despedida das aulas corresponderíase coa súa entrega ao maxisterio. En carta a Paz Andrade, o escritor recoñecía a singularidade do acto naquel franquismo cincento, o entusiasmo do alumnado que enchía o Paraninfo da Universidade para despedir o mestre e para aplaudir como non se lembraba o parlamento dun profesor que escolleu o galego para a súa última lección. 

A singularidade do acto fixo que fora o escollido para presentar a Fotobiografía que Galaxia e a Fundación Otero Pedrayo veñen de publicar elaborada por Patricia Arias Chachero e Afonso Monxardín con máis de 400 documentos gráficos que reconstrúen a biografía dun dos grandes nomes da cultura galega. Para a presentación, para a conmemoración, o Paraninfo volveu a estar cheo, nun acto no que tamén se rememorou a primeira lección en galego na Universidade despois do levantamento militar. 

A diferenza entre os dous actos pode ser que neste non faltaron autoridades do mundo da cultura, do reitor da USC, Juan Viaño ao presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero pasando polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares ou o da Fundación Otero Pedrayo, Vítor Freixanes.  

Ovación extraordinaria

Alonso Montero destacou a “ovación extraordinaria e desconcertada” do auditorio mentres o reitor, Juan Viaño afirmou que no acto, que entrou na historia da propia Universidade, “Otero Pedrayo, sen avisar, nunha iniciativa espontánea, pero que sen dúbida estaba moi meditada pola súa banda, rompeu a falar en galego na súa despedida da cátedra, diante do claustro, diante dos estudantes e as autoridades”. “A primavera chegara, por fin, á Universidade”, sinalou Alonso Montero, “co discurso en galego de Don Ramón”. Para Ramón Villares, o acto significou o paso de Otero de símbolo a mito e lembrou as mensaxes do seu discurso aínda “moi acaídas para os tempos que vivimos”. Tamén para Freixanes a intervención de Otero segue a ter eco nos nosos días xa que, segundo defendeu, “sempre falaba do futuro”. 

Comentarios