Unión “bravú” entre A Coruña e Vigo cos Diplomáticos como banda sonora

Vigo e A Coruña son a mesma cidade “deitadas fronte ao mar”. A conmemoración dos Diplomáticos de Monte-Alto xunta as capitais atlánticas no seu “vídeo subversivo” que conmemora XX anos de Bravú. 

Diplomáticos de Monte-Alto
photo_camera Diplomáticos de Monte-Alto

As imaxes de Vigo e a Coruña mestúranse e confúndense en “Deitado frente ao mar”, o novo videoclip que os Diplomáticos de Monte-Alto difunden na rede como unha das súas conmemoracións ao XX aniversario do nacemento do movemento Bravú, nunha produción para a que contaron co apoio de centos de persoas que se sumaron á festa brava. 

Recollen os Diplomáticos os versos de Celso Emilio para darlle o seu particular xiro musical recollendo un dos sinais de identidade do Bravú, a “opción decidida pola lingua galega en clave de creatividade”, e, polo país enteiro, xuntando de maneira simbólica as cidades de Vigo e a Coruña, nun eixo atlántico de unión a través da música. Contra localismos que non acaen á súa particular filosofía, o escenario da “diplomática” proposta conxuga espazos das dúas cidades que só quen coñeza ben as súas rúas e espazos públicos son quen de distinguir. Tamén a xente, os centos de persoas que responderon a súa convocatoria pública para bailar, ben nas tomas da Coruña, ben nas de Vigo para compoñer esta nova produción de Pulpiño Viascón, con dirección e realización de Bocixa e C. Gende que rula polas redes neste aniversario no que os Diplomáticos son peza chave, como se comprobou na recente e multitudinaria presentación do libro de Rodri Suárez “Non temos medo”, publicado por Nice Trip e presentado o pasado 28 na Mardi Gras da Coruña, a primeira biografía dunha banda de rock galega. 

Galiza Bravú

O clip “Deitado frente ao mar”, é unha das múltiples iniciativas que este ano rodean a festa conmemorativa de dúas décadas de Bravú que tivo unha singular conmemoración no Festival de Cans, da man tamén dos Diplomáticos. Cunha leira como escenario, no medio da proxección de documentais sobre o Bravú que tiña lugar no Jalpón Fri, o Ano Bravú anunciábase na voz de Xurxo Souto, quen xa anticipara a festa deste 2014 no pasado Culturgal, convidando a sumar iniciativas para rememorar o momento estelar do rock galego. 

“Todo comezou en Chantada. Aló, no corazón do país, reuníronse un fato de moz@s hai agora 20 anos no Cabaleiro de Viana para celebrar o particular Banquete de Conxo do rock galego”, explica Daniel Lavesedo  nun recente texto publicado no web que, durante este ano, dará noticia de todas as propostas que nazan para contribuír á conmemoración daquel tempo de “ encontro brutal das guitarras eléctricas e a Galiza rural”. 

Amais de dar contas das novas do Ano Bravú, a web bravuxx.net inclúe unha radio propia que dá acceso a temas dos Papaqueixos, Diplomáticos de Montealto, Pinto de Herbón, Xenreira, Bochechiñas, Os Skornabois, Rastreros, Kaos, Ruín Bois, Os Impresentables ou O Caimán do Río Tea, a banda sonora máis brava. 

Comentarios