Unidas por unha museoloxía "de e para a vida"

Esta quinta feira presentouse en Lugo a Declaración Lugo-Lisboa, unha conclusión da XX Conferencia Internacional do Movemento Internacional sobre Museoloxía Social (Minom). Trátase dun documento que reivindica o labor social dos museos e a súa inserción no territorio e na comunidade, un texto que aglutina moitas sensibilidades e servirá de referencia para as profesionais no futuro. Destaca ademais a creación, con motivo do evento, dun grupo estatal inserido no Minom, co impulso fundamental da Rede Museística de Lugo.  
Silvia Blanco, Maite Ferreiro, Encarna Lago e Ana Goy na presentación da Declaración Lugo-Lisboa
photo_camera Silvia Blanco, Maite Ferreiro, Encarna Lago e Ana Goy na presentación da Declaración Lugo-Lisboa

Aínda que moitas persoas o descoñecen, a Rede Museística de Lugo é referente a nivel internacional no campo da museoloxía social. Os pasados 22 e 23 de xullo tivo lugar desde as súas instalacións, así como desde Lisboa, a XX Conferencia Internacional do Movemento Internacional para unha Nova Museoloxía (Minom), formado por institucións de 11 países que traballan para fomentar a participación cidadá dentro das organizacións museísticas, a recuperación da memoria e a posta en valor do patrimonio cultural, natural e a diversidade. 

Trátase dun momento histórico porque é a primeira vez que o evento é binacional, coa organización repartida entre a Galiza, coa Rede Museística de Lugo, e Portugal, coa Univerisade Lusófona de Lisboa. Por outra banda, esta vixésima conferencia tamén se fixo de maneira insólita en formato virtual, retransmitida a través das redes sociais, con 674 persoas matriculadas, unha cifra que para a xerente da rede, Encarna Lago, demostra o interese que esperta a disciplina. Con todo, o 31 de xullo e o 1 de agosto tiveron lugar dúas xornadas presenciais no Pazo de Tor (Monforte), un espazo moi significativo ao que o Minom Internacional agasallou o seu arquivo en 2017, como recoñecemento ao seu labor. 

A xuntanza do comité organizador tiña como obxectivo avaliar os resultados do encontro, concibido case máis coa lóxica do obradoiro que coa da teorización. Do diálogo e o intercambio viu a luz a Declaración Lugo-Lisboa, que presentaron onte na Deputación de Lugo, alén de Lago, Maite Ferreiro (responsábel de cultura) e Ana Goy (Universidade de Santiago). Este texto ten unha gran relevancia no sector, pois trátase dun documento de referencia que estudan e do que beben as profesionais da museoloxía". 

Sostibilidade 4D

A conferencia do Minom ten lugar cada dous anos e aproveita a ocasión para debater e lanzar unha chamada de atención sobre un tema concreto. A última edición fixo fincapé no lema "Cara a unha museoloxía 4D", aludindo as dimensións social, política, ambiental e económica como catro faces indisolúbeis para que a disciplina sexa verdadeiramente sostíbel. "Temos un problema de comunicación bestial e confundimos sostibilidade con paxariños e bolboretas", comenta Lago, "cando realmente do que estamos a falar é de pór as persoas no centro". A memoria, a resistencia, a igualdade de xénero, a diversidade, a accesibilidade ou a necesidade de revisión dos relatos son prioridades desta outra forma de entender os museos. 

Desde a Rede Museística de Lugo levan máis de 20 anos reivindicando novas formas de facer, unha longa traxectoria de traballo que os sitúa como berce da museoloxía social. "Cando aos outros lles interesan os museos polas súas coleccións, nós queremos pór o foco no territorio e, fundamentalmente, na comunidade, que non é un feito abstracto", explica a xerente.

Difícil elaboración

Elaborado baixo un formato moi participativo, o texto da declaración "foi moi difícil de facer, porque tiña que unir moitos códigos lingüísticos distintos e a forma de entender e de sentir a museoloxía en países nos que realmente é vida", engade. Neste senso, apúntase a diverxencia de modelo, por exemplo, con países de Latinoamérica, nos que as institucións constitúen auténticos refuxios aos que en ocasións se chegou mesmo a prender lume. "Cada palabra está moi medida. Eu só falo como unha persoa máis que formou parte disto", di a xerente. 

A Declaración comeza facendo unha reflexión sobre a enorme repercusión a nivel global da pandemia, que poucos fenómenos na historia da humanidade tiveron. "A Covid-19 non só destruíu en poucos meses a aparente seguridade económica e social do primeiro mundo, senón que tamén amosou as fraquezas de todos os sistemas de saúde, especialmente nos países máis desfavorecidos", afirman as asinantes. 

Neste contexto, despois de anos de reivindicación por parte do Minom, moitas veces ignorados pola museoloxía convencional, reivindícase a dimensión do museo desde a participación e a afirmación dos dereitos humanos. Destaca deste traballo a alusión a cartas anteriores do colectivo, como a de Santiago de Chile (1972), que estabelecía uns principios ideolóxicos da Nova Museoloxía que seguen aínda totalmente vixentes. 

Esta disciplina considera como o obxectivo dos museos ter en conta o coidado e a hospitalidade, e promover o seu papel socioafectivo. Hai tamén unha chamada a "xestionar co terceiro sector", explica Lago, "perder o medo a perder o poder e aprender a escoitar de maneira activa". Así, a declaración continúa na defensa dunha museoloxía activa, rebelde e militante. 

Altermuseoloxía

No social, comenta Lago, téndese ao uso de palabras que axiña o sistema baleira de contido, como pode ser a empatía, un concepto que para ela non se pode entender sen a alteridade: "Os museos temos que traballar a altermuseoloxía: pórse na pel do outro para saber o que quere". Así, deberían promover o achegamento e coñecemento entre os pobos, na "creación fraterna dun mundo respectuoso coa riqueza intrínseca", recolle o texto, no que se estabelece igualmente unha chamada á colaboración entre os distintos axentes, entendidos mesmo máis alá das distintas institucións convencionais. 

A museoloxía social tamén se entende desde a implicación "na resolución dos graves problemas de exclusión, incomprensión, indiferenza e violencia", sinala o punto cinco do texto. "O museo non debe calar", sintetiza Lago, en referencia especial á situación en Latinoamérica e ao silencio dalgunhas entidades ante situacións de violencia extrema, como é o caso dos feminicidios.

Outras das necesidades que destaca a declaración é a de formarse en novas ferramentas de participación e apoiar a aprendizaxe e investigación sobre unha disciplina que aínda permanece en descoñecemento para moitas persoas. "Para min é a museoloxía da acción, pero vinculada ás persoas", resume Lago. Nela, o compromiso político implica non separar a museoloxía "de e para a vida", conclúe a declaración. Porque construír outro museo significa facer un lugar de convivencia para todas as persoas.

Comentarios