Kalandraka crea unha canle dixital sobre literatura infantil

Unha televisión de libros

Kalandraka, a editorial especializada en literatura infantil e xuvenil, dá o salto ao mundo audiovisual. A súa canle de televisión dixital xa emite. “Queremos que contribúa á promoción da literatura infantil e xuvenil e sexa unha ferramenta de formación para creadores e profesioanis vencellados ao libro, ademais de para as familias”, indican os promotores.
 

kalandraka tv imaxe
photo_camera Kalandraka Tv. Foto: Kalandraka.

Kalandraka Tv tamén dará espazo, sinalan desde a editora, bibliotecas, librarías ou escolas, “onde haitan os libros”. A maiores, engaden, “será un punto de referencia sobre novidades editoriais, recomendacións de lectura, actualidade e actividades de promoción lectora”.

A grella da nova televisión, con Beatriz Campos como presentadora e José Miguel Sagüillo como realizador, estrutúrase nunha ducia de seccións. As reportaxes agrúpanse baixo o epígrafe Crónica. A primeira xa está dispoñíbel na Rede,de título Kalandraka, 20 anos de libros para soñar. Puntos Cardinais servirá para repsar “a traxectoria e experiencia dos grandes referentes”. O primeiro será o ilustrador italiano Roberto Innocenti.

No Atelier, “os artistas abren as portas dos seus talleres”. Comeza cos estudios de Xosé Cobas e Marc Taeger, ilustradores. Dúas olladas estabelecerá diálogos entre autoras e debuxantes. Libros para soñar ocuparase das novidades da editorial. E Onde habitan os libros visitará “os espazos en que os libros están presentes”.

Recomendacións, Booktrailers, Experiencias Lectoras, Actualidade ou Miscelánea completarán a grella. Os seus contidos serán en galego subtitulados en castelán e viceversa. “Respectarase a lingua orixinal dos protagonistas en consonancia co carácter internacional e plurilingüe do proxecto editorial”, explican desde Kalandraka.

Comentarios