Crítica de cinema das sextas feiras

Unha historia de amor en Porto

porto2
photo_camera Un fotograma do filme

PORTO

(Portugal-Francia-EUA-Polonia 2016, 76 min.)

Dirección: Gabe Klinger

Guión: Larry Gross e Gabe Klinger

Fotografía: Wyatt Garfield

Música: Maryam Guèbrou e Emahoy Tsegué

Elenco: Lucie Lucas, Anton Yelchin, Paulo Calatré, Chantal Akerman, Francçoise Lebrun, Florie Auclerc-Vialens

 

SINOPSE

Jake e Mati son dos estranxeiros de visita no Porto. Conectan ao instante nun bar e viven unha apaixonada noite que permanecerá por sempre na memoria.

 

CRÍTICA

O primeiro filme de ficción de Gabe Klinger e o derradeiro, como protagonista, de Anton Yelchin (Star Trek, Green Room) xa tivo estrea na edición pasada do Festival Internacional de Novos Cinemas de Pontevedra mais agora preséntase unha nova oportunidade grazas ao Nocturama’18 do cinema NUMAX de Compostela.

 

Klinger nomea o filme co nome da cidade onde se vai desenrolar a acción. Toda unha declaración de intencións ao estilo de Vacacións en Roma (1953, William Wyler), Midnight in Paris (2011, Woody Allen) ou Mapas dos sons de Tokyo (2009, Isabel Coixet). Malia todo, nun principio foi ideada para rodarse en Atenas mais, por sorte, mudou de idea ao entender que Porto sería o lugar idóneo por ser “eterno e fascinante, cheo de historia e cultura, onde é posíbel estar no século XIII, no XV, no XVIII e no XXI ao mesmo tempo”.

 

Porto comeza como unha historia romántica do montón do tipo “mozo coñece moza”: un americano (Yelchin) coñece unha francesa (Lucie Lucas) nun café do Porto. El semella un animal ferido, sen rumbo, tan vulnerábel coma perigoso. Ela é un espírito libre, segura de si mesma, sensual. Polos opostos que se atraen de inmediato. Saltan faíscas. Todo parece idílico tras unha noite alumeada pola paixón mais o apego que sinte un choca de fronte con quen non quer ouvir falar de cancelas.

 

Guión escrito a catro mans xunto a inestimábel colaboración do norteamericano Larry Gross, responsábel de libretos da talla de Rúas de lume (1984, Walter Hill), A caixa chinesa (1997, Wayne Wan) ou Execución inminente (1999, Clint Eastwood). Extraordinaria maneira de contar a historia de forma alineal e narrada desde tres puntos de vista diferentes: o del, o dela e, finalmente, o de ambos. Sorprende a intelixencia dun guión que xoga co espectador ao facer virar o conto no mesmo instante que cremos o que vai pasar. Ás veces o protagonista semella o damnificado, e a moza a “mala”, mais noutros hai indicios dun perigoso xogo de acosador-vítima...

 

Certo que a historia pode lembrar un pouco unha versión reducida da triloxía Antes de... de Richard Linklater, condensada en hora e cuarto, (unha hora e cuarto ben intensa, por certo), mais Klinger non agocha que Linklater é un dos seus directores de referencia. Tanto é así que xa o deixou patente nun anterior traballo documental titulado Double Play: James Benning and Richard Linklater. Outros esencias que se poden respirar no filme saen de excelsas filmografías como as de Jim Jarmusch (Só os amantes sobreviven), Wim Wenders (Lisbon Story) ou Manoel de Oliveira (O convento). Inspiracións creativas que proveñen dunha cinefilia a proba de bombas afianzada polo tempo traballando como crítico de cinema. Unha boa base para ter unha carreira longa e próspera como cineasta...

 

Porto ofrece unha historia profunda e melancólica arredor das sinerxías que derivan dunha noite de amor apaixonado na contorna da atmosfera, case máxica, que desprende a cidade portuguesa. A noite que pasan provoca un impacto imperecedoiro no maxín dos namorados, sobre o que volven obsesivamente durante gran parte das súas vidas... o problema é que os tempos de obsesión non adoitan coincidir. Real como a vida mesma.

 

Para apaixonadas e apaixonados do Porto e para todas as persoas que senten (ou sentiron algunha vez) o lume da paixón nas entrañas.

Comentarios