Unha exposición "de peso"

Feijóo inaugurou nesta sexta feira o Museo de Galiza coa exposición Gallaecia Petrea. A exposición supuxo o traslado, inicialmente estimado en case 600.000 euros, de pezas de grandes dimensións procedentes de distintos puntos de Galiza e do norte de Portugal.

Como un espazo de difusión para os creadores galegos de antes e de agora. Así se refiríu  Alberto Núñez Feijóo ao Museo de Galiza, que foi inaugurado nesta sexta feira coa exposición Gallaecia Petrea. As verbas do presidente da Xunta, que contrastan coas protestas que choven dende diferentes ámbitos da creación galega polos recortes no apoio ao tecido cultural, serviron para inaugurar unha mostra da que, dende a Xunta, se destacan as dimensións: 341 obras que enchen na súa totalidade os 6.600 metros cadrados do Museo de Galiza.

Pezas de grandes dimensións

A exposición atravesa a historia do país coa pedra como fío condutor. Un percorrido que vai dende a época prehistórica até a actualidade, e para o que foron trasladadas ao Gaiás pezas de gran tamaño e peso que permiten encher de contido o amplo espazo que compoñen os varios andares do Museo. Entre elas, lousas megalíticas, un petróglifo procedente do Museo de Pontevedra, ou miliares e columnas romanas que sorprenden polas súas dimensións, ademais doutras pezas dende as que se poden encontrar tímpanos, sepulcros ou estolas medievais até as obras de grande formato de escultores contemporáneos, como os sarcófagos de Francisco Leiro. Só as dúas contratacións iniciais para o traslado das pezas dende diversos puntos de Galiza, do Estado e de Portugal, supuxeron un gasto de 410.000 euros, e o concurso para a montaxe foi adxudicado en 597.000, tal e como figura na súa páxina web.

Na presentación ningunha referencia se fixo  ao custe da exposición. Dende a Consellería apuntan que será inferior ao 1,5 millóns de euros que estimou en inicio, mais varios profesionais do sector consideran que o custe será superior. O comisario da exposición, Miguel Fernández Cid, recoñeceu, preguntado por Sermos, non coñecer o seu custe.


Gallaecia Petrea recolle a herdanzas das grandes exposicións históricas do goberno de Fraga, e evoca ao que foi no seu momento Galicia no tempo que supuxo, ao igual que agora, o traslado a Compostela de multitude de pezas artísticas de distintos puntos do país. Nesta ocasión, xuntouse a un equipo de 76 investigadores e de seis comisarios, e foron en total 91 as institucións de Galicia, Portugal, Asturias e León, as que prestaron a súa colaboración coa exposición e cederon para ela parte das súas pezas. O que amosa, segundo Fernández Cid, o respaldo institucional a un museo novo como é o do Gaiás.

A mostra artéllase en seis grandes apartados: unha parte inicial de carácter xeolóxico, na que se pode ver, exposta por primeira vez ao público a colección de rochas de Guillermo Schultz, e un percorrido posterior polas diferentes etapas históricas: dende a prehistoria, Roma e o Medievo até a época moderna e o momento actual. Con motivo da exposición, foron elaborados tamén varios vídeos e un católogo de 600 páxinas.

Para o comisario da exposición, Miguel Fernández Cid, o tratamento dado á paisaxe a través da xeoloxía, a colaboración co norte de Portugal, así como a abordaxe da pedra non só como creación artística senón tamén como industria, traballo e economía, son os principais elementos diferenciais da exposición.

Das exposicións máis caras

A deputada nacionalista, Ana Pontón, pediu maior transparecencia no diñeiro destinado ao funcionamento do Gaiás e cualificou de irreal a cifra que se está manexando dende a administración sobre o custe da exposición. Para Ponton, Gallaecia petrea pasará á historia como unha das exposicións máis caras de Galiza,  e destacou que fose inaugurada xusto na semana en que os sectores da cultura volveron denunciar a insostibilidade da súa situación e a falta de apoio público.

Salvador del Río, presidente de Escena Galega, unha das entidades integradas na Plataforma das Artes Escénicas, denuncia que a política cultural da Xunta se centre no Gaiás, mentres que ao tecido produtivo da cultura do país se lles está a dicir que "non hai diñeiro para nada".

Comentarios