Unha alborada expansiva esperta o Día de Rosalía

No Pico Sacro, na Casa de Rosalía, no Pazo de Lestrove, na Casa de Manuel María. En máis de sesenta e cinco lugares soará nesta mañá a “Alborada de Rosalía”, un concerto expansivo de gaitas para festexar o aniversario do nacemento da escritora.
Rosalía e familia
photo_camera Rosalía e familia

Cando se fan 176 anos do nacemento de Rosalía de Castro, o país soará a gaitas para interpretar a súa Alborada neste 24 de febreiro. A Asociación de Gaiteiros Galegos participa nesta iniciativa promovida pola Fundación Rosalía, a Universidade de Vigo e a Academia Galega no que é o pórtico a un día de conmemoración que terá o seu inicio institucional na Praza de Vigo, diante do monumento a Rosalia, para logo se dirixiren á sede da Fundación Rosalía de Castro na Casa da Matanza de Padrón.

Desde a Fundación fíxose un chamamento para que gaiteiros e gaiteiras deran “unha alborada de gloria en honra a Rosalía en vilas e cidades do país”. A través da súa web fornecíase o manifesto, a partitura, un cartaz e un texto coa historia e significado da Alborada.

“No principio foi o verso, co seu canto nace o país que somos. Puxo o maior coidado en reproducir o espírito do noso pobo, velaí o mesmo espírito que aniña nos punteiros todos das gaitas” dise nun manifesto que remata cun: “Que todos saiban que hoxe a gaita galega non chora, que canta”.