domingo 24/10/21
SANTIAGO VELOSO, PROMOTOR DA CANDIDATURA PARA A UNESCO

"O patrimonio oral galego-portugués xa é da Humanidade desde a idade media"

Dez anos despois a candidatura do patrimonio oral galego-portugués mira de novo para a Unesco, na busca do recoñecemento coa inscrición na Lista Representativa. Santiago Veloso foi entón e é agora promotor da proposta desde "Ponte nas... Ondas", verdadeiro xermolo da iniciativa. 

Santiago Veloso
Santiago Veloso

 

-Dez anos despois, volven tentar que o patrimonio inmaterial galego-portugués en na Lista Representativa da Unesco. Que é necesario para que iso aconteza?

O procedemento mudou e son os Estados os que teñen que facer a inscrición na Lista. Agora trátase dunha decisión administrativa e tamén política para inscribila ou non. Nós queriamos aproveitar os dez anos da presentación da candidatura para poñer en evidencia que naquel momento tamén se presentou o flamenco, sen saír, e agora mesmo está inscrito na Lista Representativa do Patrimonio Mundial. Queremos chamar a atención sobre esa circunstancia e insistir en que o partido non se perdeu.

"Dez anos despois consideramos que é o momento de que isto non quede aí e continuar coa tarefa, como fixo o flamenco"

-O seu papel como entidade promotora é entón menor nesta ocasión?

Nós o que podemos facer é a posta en valor do patrimonio común mais o proceso é máis administrativo. Neste momento as circunstancias son máis favorecedoras. Portugal, poño por caso, agora o ve máis factíbel porque xa conseguiron inscribir o fado que era a súa prioridade. Dez anos despois consideramos que é o momento de que isto non quede aí e continuar coa tarefa, como fixo o flamenco. Agora habilitou un procedemento rápido para as candidaturas transnacionais. Decatáronse de que os Estados optan polas súas propias candidaturas polo que decidiron en certa medida promover e facilitar as candidaturas multinacionais como a nosa. Entendemos que é factíbel e doado conseguilo porque o procedemento é máis sinxelo.

-Que terían que facer, pois, os Estados?

Presentar a proposta documentada e a Unesco é quen acepta ou non a inscrición. A documentación é simple, con informes explicativos mais non son complexos. Cómpre argumentalo, defender que este patrimonio está vivo. Logo os expertos son os que avalían e dirán se se pode inscribir tal e como foi presentada ou facer modificacións.

-Portugal e, neste caso, o Estado español, están dispostos a apoiar a proposta?

Nós o que fixemos foi lanzar a campaña. A idea é que a sociedade civil sexa quen arrastre os Estados a inscribila, despois de conseguir eco nos medios e nas redes sociais a prol dese patrimonio común. Temos indicios de que Portugal vería con bos ollos e a Xunta tamén. Cremos que en Madrid farán o que lles propoñan desde a Xunta e agardo que a disposición sexa boa. Neste momento, o tema de lusofonía tira máis e en Portugal hai unha maior visión da proxección que pode ter o patrimonio no resto do mundo.

-En dez anos mudaron moito os sistemas de comunicación. Vostedes anuncian, poño por caso, o recurso das redes sociais como fundamental, que mecanismos van utilizar na campaña?

As redes sociais son unha maneira de que a xente apoie facilmente a candidatura. Trátase, ao noso ver, da maneira máis fácil de expandir a campaña e esas posibilidades non as tiñamos hai dez anos. Queremos darlle forza con distintas accións e iniciativas nas que a rede terá moita relevancia.

-Fan balance tamén do que aconteceu hai dez anos?

Estivemos moi a punto de conseguilo e puidemos constatalo cando fomos a París. Falamos co xurado e recoñeceu o mérito da candidatura, por sermos centros educativos e vir da man de ensinantes. A crítica foi que era difícil emprender un plan de acción sobre o conxunto deste patrimonio. O parecer  dun consultor independente de Portugal que foi entón tomada en conta. Agora a estratexia mudou e os Estados son quen de responsabilizarse diante da Unesco, sen deixar cabos soltos. Nós ofrecemos a solvencia de antropólogos e etnógrafos.

"Merece a pena redescubrir, que sexamos conscientes de que formamos parte deste patrimonio compartido. Gustaríanos que a nosa candidatura se puidese subscribir no Brasil, en Timor ou Angola".

-De que prazos estamos falando?

A Unesco ten abertas sempre as inscricións. Se agora mesmo Portugal decidira presentar a proposta estaríamos a falar de un, dous ou como moito tres anos.

-Ou o Estado español...

Si, claro. As competencias de cultura e patrimonio son da Xunta mais o goberno galego non pode asinar a candidatura. Tería que apoiar e trasladar o interese ao Estado.

-Que pode supor ese recoñecemento para o futuro do patrimonio inmaterial?

Ao noso ver é importante á hora de que as novas xeracións sexan conscientes de que temos un patrimonio espallado por todo o mundo e que todos e todas formamos parte del. Este patrimonio xa é da Humanidade porque xa o foi na Idade Media, coa tradición oral galego-portuguesa que se estuda agora en universidades do mundo. O recoñecemento da Unesco constataría esta evidencia, que esa tradición oral segue viva aos dous lados da fronteira galego-portuguesa e na lusofonía. A Unesco sería cega se non ve que o noso patrimonio oral xa é da Humanidade.

-A aprobación no Parlamento da Iniciativa Paz Andrade pode beneficiar a candidatura?

Neste momento a Galiza ten presenza oficial e unha especial simpatía nese ámbito, que a receptividade é moi boa. Compartimos a mesma oralidade, temos a mesma matriz da que bebemos todos e iso é algo que merece a pena redescubrir, que sexamos conscientes de que formamos parte deste patrimonio compartido. Gustaríanos que a nosa candidatura se puidese subscribir no Brasil, en Timor ou Angola.

-Os centros de ensino seguiran a ser unha marca da proposta?

Desde o inicio traballamos o tema do patrimonio nun medio como a radio que se caracteriza pola oralidade, como a propia candidatura. Queremos que as escolas asuman este patrimonio como seu, que apareza nos libros de textos. “Ponte nas ondas” xa está nalgún deles e iso é resultado do traballo que se fixo e ten que ampliarse. A partir das emisións por internet fixemos renovación pedagóxica. Buscamos sinerxías con outras entidades como a Universidade de Vigo e agora na campaña imos tentar tamén que a xente colabore na promoción da iniciativa. Neste primeiro ano da campaña queremos estar activos na medida do posíbel co apoio de medios, redes sociais, escolas ou asociacións... tentar que a sociedade se mobilice para que os Estados collan o relevo e de aquí a un ano dean o paso adiante.

-Que beneficios daría o recoñecemento da Unesco?

Daría moitos beneficios que reforzarían toda a comunidade da lusofonía. As accións poden ser moitas, como recuperará a regueifa ou o desafío do Norte de Portugal e que iso se proxecte cara a fóra. A tradición oral é un universo moi rico e ademais, como dicimos no ámbito educativo, de carácter transversal. Está no paisano que fai augardente ou na propia Mercedes Peón, na xente que recupera cantos e en manifestacións como o entroido, romarías, reis... Pódense desenvolver moitas políticas de posta en valor, desde as máis tradicionais ás máis vangardistas. É importante para a nosa autoestima e tamén unha maneira de estar presente neste mundo globalizado cunha marca propia. Se hai algo que nos diferencia é o noso patrimonio cultural.

comentarios