Un souto do Incio levará o nome da escritora Marica Campo

O Campo da Festa, o soberbio Souto do Val do Mao, no concello do Incio, levará o nome da escritora Marica Campo. O 15 de xuño a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega homenaxeará á autora coa súa conmemoración “A escritora na súa Terra”. 

Marica Campo, detalle do cartaz da AELG
photo_camera Marica Campo, detalle do cartaz da AELG

O Incio é a terra da escritora Marica Campo e alí, a partir do día 15 de xuño,  un souto levará o seu nome, un espazo no que a natureza se impón e que a veciñanza coñece como campo de festas. Será cando se desenvolva a xornada coa que cada ano a AELG homenaxea a un escritor ou escritora na súa terra. Desta volta, Marica Campo volve ao Incio para partillar coa veciñanza e a república das Letras nunha homenaxe á autora que pasou os seus primeiros e inesquecíbeis anos no Val do Mao. 

A xornada comezará por volta das 11.30 cando na Casa do Concello se lle entregue a letra E, da AELG, nun acto no que participarán a alcaldesa do Incio, Laura Celeiro, e o presidente e a secretaria da asociación, Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas. O profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato será o encargado da laudatio que responderá a propia Marica Campo. “Na súa traxectoria literaria e cívica transparece o firme compromiso coa Galiza, patria asumida e sempre reivindicada, e coa causa da xustiza e da solidariedade. Espírito libre, aberto e xeneroso, Marica Campo comprométese en cada texto coa calidade e dignificación artística da lingua, máis outra forma, en fin, de fidelidade e amor á Terra” destaca Xosé Ramón Freixeiro Mato nun fragmento da que será a súa intervención. 

O Val do Mao na memoria

Ás 13:00, coa plantación dunha camelia, árbore escollida pola escritora, a descuberta do monólito conmemorativo e a placa que bautizará o Souto, o Campo da Festa do Val do Mao quedará para sempre vencellado á escritora, que cede o nome a un dos espazos máis queridos pola súa veciñanza. Á seguir desenvolverase un xantar de confraternidade aberto, para o que compre se anotar no teléfono 981133233 ou no correo [email protected]

A escritora lembra na súa autobiografía publicada na ficha da páxina da AELG os veráns de cativa no Val do Mao que, na memoria, agroman como “un espazo para a liberdade e as aventuras infantís. Dese tempo, son as “mil e unha trasnadas” protagonizadas polas sete irmáns máis o irmán e un curmán que compartían xogos de verán.

Naceron alí tamén os primeiros escritos dunha autora que conta xa cunha ampla e recoñecida bibliografía na que visita diversos xéneros, da poesía á narrativa, pasando polo xornalismo ou o ensaio. “Eu, xa de moi nena, escondíame nun pombal que había no fondo da horta para escribir historias que me inspiraban as cancións que escoitaba na radio ou no gramófono ao que lle había que dar manivela”, lembra no seu relato autobiográfico a escritora que é tamén autora de numerosas letras de cancións.

Comentarios