ACTIVIDADE

Un roteiro cultural percorre o Oleiros das mulleres

Máis de cen persoas darán un paseo polo municipio con paradas en Emilia Pardo Bazán e o Castelo de Santa Cruz, Sofía Casanova e as casas onde veraneou en Mera, Juana de Vega e o Pazo da Carballeira en Nós, María Casares co Pazo do Río e Villa Galicia en Montrove

Un roteiro cultural e literario visitará o vindeiro 30 de maio os lugares emblemáticos relacionados de Oleiros con mulleres ilustres. Un paseo polo municipio con paradas en Emilia Pardo Bazán e o Castelo de Santa Cruz, Sofía Casanova e as casas onde veraneou en Mera, Juana de Vega e o Pazo da Carballeira en Nós, María Casares co Pazo do Río e Villa Galicia en Montrove.

A actividade, organizada pola Rede Municipal de Bibliotecas Públicas Municipais, o Servizo de Normalización Lingüística e o IES Miraflores, ten como obxectivos principais a posta en valor do labor destas mulleres que habitaron no concello, así como dar a coñecer diferentes espazos do lugar. Todo isto coa colaboración do alumnado de 1º curso do Bacharelato do citado centro, que fará as veces de guía para as persoas participantes, que se estima en máis de cen.

Así as cousas, a ruta partirá do castelo de Santa Cruz, onde se darán indicacións sobre como estaba na época de Emilia Pardo Bazán. Posteriormente trasladaranse á localidade de Mera, á casa de veraneo da periodista Sofía Casanova. Logo irase ao pazo da Carballeira en Nós, lugar onde viviu a escritora Juana de Vega e onde as persoas participantes serán recibidas polo director da Fundación Juana de Vega, quen explicará as súas funcións. Por último visitarase Montrove e o pazo do Río, lugar no que pasou parte da súa infancia a actriz María Casares.

Comentarios