Un "roteiro amoroso" conmemora o centenario do casamento de Castelao

Da Estrada era Virxinia, a compañeira de Castelao coa que casou hai agora cen anos. Na Estrada, A Asociación Cultural Vagalumes artellou aproveitar a data para conmemorar a relación do autor de Sempre en Galiza co Concello e dar a coñecer o que chaman “roteiro amoroso Castelao na Estrada”

O 19 de outubro de 1912 Castelao casaba con Virxinia Pereira na Estrada, de onde ela era orixinal. Comezaba un vencello do nacionalista co concello que agora aproveitan desde a Asociación Cultural “Vagalumes” para dar a coñecer a súa historia e patrimonio a través do que chaman o “Roteiro amoroso Castelao na Estrada”.

O roteiro, que se organiza o día 20 ás 16.30, ten a saída no cemiterio de Figueroa, onde están enterrados Virxinia e o fillo de ambos. Ouzande e Guimarei son outros dos portos nos que recalará o paseo, que se detén nos lugares de maior relación con Castelao. En cada unha das paradas, explicarase a relación do lugar coa vida e obra do escritor e político nacionalista.

No mesmo día, ás 20 horas, terá lugar no centro de Caixanova a presentación do comic “Titoán” sobre a vida de Castelao no que aparecen diversos episodios relacionados coa Estrada. Os autores Inacio e Iván Suárez máis o músico Benxa Otero e Fantoches Bag participarán no acto.

Comentarios