Caderno de Verán

Museos etnográficos: Un pé no futuro sen esquecer as raíces

O interese por traballar a prol da comunidade fixo que a veciñanza da Fonsagrada creara en 1984 un padroado para abrir e xestionar a súa propia sala de exposicións. Hoxe son moitos concellos os que seguiron o exemplo mentres divulgan e educan a rapazada ao recordar como se chegou até onde están agora.
11-09-2013   Remodelación do museo da Fonsagrada 017
photo_camera Ferramentas de traballo antigas e zocas (Foto: Museo da Fonsagrada)

O resgardo da tradición e dos costumes de cada comarca, vila ou zona xeográfica está detrás do xerme dos museos etnográficos. En terras lucenses tanto as institucións como a propia veciñanza teñen claro que non desexan deixar oculta a súa historia, as chaves que as levaron até onde están hoxe. Quizais por iso é unha das zonas da Galiza cunha rede museística da identidade popular máis forte. Quer a xente maior, quer a mocidade e as crianzas a través dos centros educativos viven no presente cun pé no pasado para saber de onde veñen, que fixo que a súa sociedade local fose como na actualidade.

Na Fonsagrada, no Cebreiro, na cidade de Lugo, no municipio de Friol, en Quiroga ou no Piornedo. Quen queira saber máis da historia do país, sexa de aquí ou pase uns días de descanso, pode elixir entre un amplo tecido de instalacións ás que acudir para coñecer ferramentas de labranza, máquinas de tecer ou materiais de construción adaptados ao clima de cada bisbarra.

Ás veces a vertente etnográfica da historia queda de lado por outros puntos de vista, mais tamén se fai importante.

Un dos casos curiosos en canto a aposta nas raíces é o da veciñanza da Fonsagrada, que creou pola súa conta un padroado para xestionar a súa propia sala de exposición en recordo aos que foron os eixos máis importantes para o desenvolvemento da comarca.

Detrás deste proxecto xurdido no ano 1984 están nomes como o de Esperanza ou o de Xoanxo. Eles son membros da asociación e padroado que manteñen vivo este museo, quizais un dos poucos xestionados unicamente por cidadáns de maneira tan profesional no país.

Unha inquedanza por evolucionar coa cultura

Xoán Xosé Molina é, hoxe, o presidente do Museo Etnográfico da Fonsagrada e pode seguir presumindo da implicación de moitos particulares desde hai case catro décadas. “Hai aproximadamente 200 socios e isto naceu nunha época moi favorábel, porque coa Transición existía unha chispa especial para iniciar movementos culturais, a xente estaba moi dispoñíbel”, recorda.

No primeiro padroado estaban representadas a poboación do municipio pero tamén do resto da comarca, “agricultores e artesáns, arquitectos, fotógrafos, funcionarios ou profesores…”. Todos traballaron man a man para dar vida a un museo que gardaba a súa cultura no antigo teleclube municipal.

Co tempo, as doazóns masivas de material de valor deixárono cativo e foi en 1999 cando asinaron a cesión do que era o “hospitaliño” co Concello. Contaron coa axuda do Goberno local e dos fondos Agader para rehabilitar o local de 700 metros cadrados, que nestas semanas está fechado temporalmente para un arranxo na fachada.

Tal foi, e segue a ser, o interese da veciñanza que a maioría das pezas expostas chegaron desde ese lado. “Temos ferramentas de oficios e apeiros de labranza; tamén unha sección da arquitectura particular da zona onde se ve a evolución das vivendas, que é algo que nos diferenza doutros espazos; gardamos maquetas dos hórreos típicos da montaña…”, enumera o presidente, que fala doutras coleccións destacadas.

As visitas poden comprobar unha mostra da cultura muiñeira e empaparse cunha reflexión sobre o mundo da lousa.

Outra das sorpresas que gardan as catro paredes do que foi o centro de saúde primixenio do concello “é unha colección de arte contemporánea de inspiración no mundo rural”. Entre as ferramentas antigas hai acenos ao pasado de artistas como Luis Borrajo, Manolo Paz, Paco Pestana e tamén de artistas comarcais de traballo máis recente. 

Neste museo etnográfico a educación é fundamental e existe unha vivencia en primeira persoa da rapazada dos centros educativos da contorna.

Se a idea de montar a sala naceu das exposicións de artesanía que se realizaban polas festas, todo iso que quedou atrás transmíteselles ás crianzas desde que os primeiros cursos da escola. 

Traballo etnográfico directo dos colexios

“A sección dos muíños está feita cos materiais, a investigación e o inventario que fixeron nenas e nenos”, conta Molina, demostrando que máis que un traballo de divulgación, hai un labor de integración da historia no imaxinario de toda a poboación. O estudantado chegou a achegar outras pezas e é habitual ver implicación de alumnos e clases en proxectos como o dos soutos e a castaña.

Coas obras e a pandemia teñen o seu tesouro máis reservado pero o futuro está garantido porque mesmo existe o plan de ampliar para crear un salón de actos e un cuarto para mostras temporais. No seu momento xa lle deron un tempo ao porco e á vaca, como protagonistas das aldeas.

Mais hai máis propostas interesantes. O de Quiroga xa é un museo de titularidade municipal, mais existe o apoio decidido da cidadanía. O responsábel da infraestrutura, Ramón Vila, que traballa man a man coa coidadora dos materiais, María do Carme Armesto, recorda que as portas abriron en 2007 e que “a iniciativa foi curiosa porque entre o 60 e o 65% das pezas chegaron mediante doazóns da xente”.

A cultura, e polo tanto a etnografía, na contorna ten oito piares básicos. “Catro produtos típicos: o mel, a castaña, o viño e o aceite e; catro materiais: a pedra, a madeira, o ferro e os tecidos”, incide Vila. No local teñen montada unha cociña con lareira pero tamén abranguen a evolución da agricultura e da gandaría.

Con pupitres das antigas escolas “unitarias” fan que moitas persoas retornen á infancia e que a xente moza vexa as condicións de estudo de antes. No lugar están símbolos dunha historia local como “o primeiro vehículo a motor que circulou pola comarca ou máquinas do taller da imprenta da Casa El Derroche”.

Esta peza publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa.

deputacion lugo

Comentarios