UNHA ESCOLMA DO PAPEL

Un país de bandas

O VI Certame Galego de Bandas mostra o dinamismo e a calidade das agrupacións populares

Bandas de música
photo_camera Máis de 5.000 persoas tocan en bandas de música na Galiza

Arredor de 5.000 persoas, en especial xente nova, toca no cento de bandas populares que se espallan por todo o noso territorio, un fenómeno musical de grandes dimensións que goza tamén dunha cada vez máis alta calidade artística. Da sexta 16 ao domingo 18, terá lugar no Auditorio de Galiza o VI Certame Galego de Bandas, o máis acaído escaparate para comprobar a vitalidade das bandas populares.

Bandas populares son as agrupacións musicais que se artellan ao longo de todo o territorio e dependen unicamente das súas propias asociacións, das familias dos seus compoñentes ou da actividade que xeran cos concertos. A Federación Galega de Bandas de Música Populares conta con 88 bandas asociadas e, desde hai seis anos, organiza o Certame Galego de Bandas, un encontro en que participan arredor de 1000 músic@s e que en cada edición dá medida da calidade e o alto nivel interpretativo das agrupacións.

Lucía Carreira, vicepresidenta da entidade, destaca non só a relevancia das bandas, senón tamén o seu alto nivel formativo. “Habitualmente teñen as súas propias escolas e os coñecementos técnicos son cada vez maiores, adquiridos en boa medida en conservatorios”, comenta.

Screen Shot 2017-05-04 at 10.42.31As bandas estruturan un mapa musical xeneroso. Case toda persoa que queira tocar nunha agrupación musical pode ter acceso a ela a non moitos quilómetros. Para dar só un exemplo, en Compostela desenvolve a súa actividade a Asociación Musical Solfa, mais só con dar unha volta arredor atopamos as bandas de Lausame, Arca, Touro, Arzúa, Boqueixón, Ordes... Un acontecemento cultural dunha dimensión única e con especial presenza no rural e nas vilas. “A nosa é unha tradición moi forte e, con excepción de Valéncia, estamos á cabeza en toda a península”, comenta Lucía Carreira, entrementres destaca dous elementos: o feito de seren iniciativas auto-xestionadas e tamén a entrega dos milleiros de músic@s que procuran sacar horas das súas xornadas para iren a clases e ensaiaren co grupo nunha dinámica en que a disciplina é precisa.

Unha experiencia única

“A experiencia de participar nunha banda é única. Comparten un sentimento común que é nin máis nin menos que tocar ben, e desde o punto de vista social e educativo é un ámbito extraordinario de formación”, destaca Carreira. Desde que botaron a andar o Certame Galego de Bandas, imprimiuse unha dinámica especial no calendario das agrupacións musicais populares. En cada edición convócase con carácter previo un concurso de composición de temática galega do cal saen as obras que serán de interpretación obrigatoria para o seguinte ano, pezas que ocupan unha parte dos ensaios específicos. A Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas, composta por músicas e músicos das distintas bandas, é a encargada de estrear as obras gañadoras desta edición.

No certame as bandas atópanse nun escenario de luxo, cun público crítico e coñecedor e un xurado que valora as súas dotes interpretativas. Estes retos fan que moitas agrupacións ensaien cada día e a fin de semana de maneira intensa co fin de chegaren ao encontro na mellor forma posíbel. “Aí demostran a alta calidade e o seu nivel de exixencia. Queda á vista que cun auditorio con boa sonoridade e unha disposición do público acaída para escoitar, as bandas ofrecen extraordinarias interpretacións” afirma Lucía Carreira, ao tempo que aproveita para denunciar prexuízos e mesmo o trato que ás veces reciben as agrupacións musicais populares, condenadas a tocaren en situacións precarias.

“Reivindicamos na federación espazo, silencio e medios para as bandas. Reclamamos tamén que sexan tidas en conta, poñemos por caso, en actos oficiais, como recoñecemento da súa relevancia facendo do noso un país musical”, defende Lucía Carreira.

Este texto apareceu no Sermos24, publicado a 16 de novembro de 2012

Comentarios