martes 31.03.2020

Un outono de premios con nome de autor cae sobre a literatura

Gustavo Pernas co Álvaro Cunqueiro, Raul Dans co Barriga Verde e o Premi Born, Juan Tallón co Lueiro Rei, Alberto Ramos co Vicente Risco e Lorenzo Moroño, Elena Sherevera e Camiño Noia no Plácido Castro de Tradución compoñen o ronsel de nomes que gañaron a manchea de premios con denominación de autor deste outono. A todos eles, premiados por obra, compre engadir o de Basilio Losada premiado pola súa traxectoria co Otero Pedrayo. Mentres, dous finalistas agardan a decisión final do Blanco Amor que, nesta edición, organiza o concello de Fene.

 
Basilio Losada
Basilio Losada

O Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais que concede a Consellaría de Cultura e Educación recaiu nesta edición en Gustavo Pernas e a súa obra “Isobaras” mentres o Barriga Verde, da mesma convocatoria, foi parar en Raul Dans por “Un mosquito de nome Henry”, autor que recibe dobremente os parabéns ao resultar tamén gañador do Premi Born de Teatro concedido polo Cercle Artistic de Ciutadella de Menorca e dotado con 14.000 euros.

Con “Fin de poema”, Juan Tallón fíxose co XIX Premio Lueiro Rey de Novela Curta, dotado con 3000 euros e artellado polo Concello do Grove e a Editorial Sotelo Blanco que publicará o libro, ao igual que o gañador do Vicente Risco, recentemente fallado e que foi dar no escritor e xornalista Alberto Ramos.

Tamén con nome de autor, o Plácido Castro de Tradución foi dar en Loreno Moroño e Elena Sherevera por “Antoloxía de poesía rusa: de Pushkin a Evtushenko” mais en Camiño Noia, pola tradución de “O gran Meaulnes”.

A este amplo ronsel de nomes que se asocian a premios que honran figuras da nosa literatura compre engadir o do tradutor e primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Barcelona, Basilio Losada, que ven de ser recoñecido co XXV Premio Otero Pedrayo, dotado con trinta mil euros e convocado pola Xunta e as catro deputacións provinciais. Mentres, o Blanco Amor está aínda sen nome, á espera que esta fin de semana se dé a coñecer a obra gañadora das dúas finalistas.

comentarios