Un novo cinema traspasa fronteiras

Son peliculas sen apenas orzamento, con directores novos e apostas creativas. Teñen fechado o circuito de distribución comercial mais ábrense camiño por elas mesmas máis alá das nosas fronteiras, presentándose a festivais e gañando premios para o novo cinema galego. Vikingland de Xurxo Chirro, Arraianos de Eloy Enciso e Anacos, de Xacio Baño, son tres das que alcanzaron maior proxección internacional.
Vikingland
photo_camera Vikingland

Que Vikingland de Xurxo Chirro fose seleccionada por un dos críticos da prestixiosa Cahiers Du Cinema como unha das dez mellores películas entrarían dentro do que se pode chamar “acontecemento” na nosa historia cultural. O filme de Chirro, construído manipulando o material de arquivo dunha bitácora videográfica dun mariñeiro.

Vikingland foi selecciona entre 3000 películas para o prestixioso festival de Marsella-o máis importante do mundo para documentais- no que se estreou diante de directores de festivais, programadores e críticos. Desde Marsella, o filme de Chirro ten pasado por unha ducia de festivais de todo mundo, de Chequia a Arxentina, de Brasil a Inglaterra. “Vikinland é unha película de tese, de cambio de paradigma, xa non se pode pensar no audiovisual como sector estratéxico industrial. Agora estamos xa noutro momento. Unha persoa pode facer un documental desde a súa casa polo que, na actualidade, no cinema so se pode apostar por valores culturais ” defende Xurxo Chirro, autor do filme sen orzamento e sorprendido por ver o seu nome entre o de Coppola ou Ferrara nos Cahiers du cinema. Decidiu poñerlle fin á película na súa versión 41, a pouco de que en Marsella pecharan o prazo de admisión. Foi o resultado de catro anos de traballo na súa casa e moitísimo tempo para darlle forma fílmica ás dezaseis horas de fondo documental atopado. “Un amigo díxome que tiña entre as mans un diamante e o importante era ter tempo para pulilo” comenta Chirro, para explicar que o orzamento da súa película é o valor en tempo do sinfín de horas que lle dedicou. A única espiña é que esa difusión exterior en festivais e a presenza en cinetecas ou museos bate co desinterese que atopou a película na Galiza.

Novo modelo de cine

“Estase a romper o modelo antigo e iso queda á vista nos éxitos dos filmes pequenos que tiveron máis presenza internacional que no noso propio territorio. Están feitas con moito esforzo e creatividade que están a dar un elevado prestixio internacional ao país. Críticos e programadores de todo o mundo preguntan que está a suceder no cinema en Galicia”, explica Xurxo Chirro.

A estrea da película de Oliver Laxe, Todos vós sodes capitáns, en Cannes é un punto de partida para facer o reconto da sorte do novo cinema galego nas salas dos fetivas internacionais. O filme de Laxe pasaría logo por Munich, polo Calgary, Montreal ou Vancouver en Canadá, Valdivia en Chile, São Paulo en Brasil e unha infinidade de encontros de cine máis-arredor de 50- que a convertirían no noso filme máis internacional, merecedor do Premio Cineuropa en 2010 e que continuaría singradura até este mesmo 2012 en distintos certames internacionais.

Estreada no mes de agosto en Locarno, en Suiza, Arraianos de Eloy Enciso en menos de seis meses visitou xa o Vancouver International Film Festival de Canadá, o Filmfest Hamburg en Alemaña, o Nouveau Cinema de Montreal, o DocLisboa, a Viennale de Austria ou o Festival de Cine Europeo de Sevilla. A película de Eloy Enciso, seleccionada pola crítica galega a través do blogue “Acto de Primavera” como o mellor filme do ano en Galicia.

A curta Anacos, de Xacio Baños, ven de ser recoñecida co Carabela de Plata ao mellor filme no Festival de Cartagena, galardón que se suma ao do xurado no Festival de Málaga, á mención especial no das Palmas, o premio no Shnit Film Festival, e gañador do Festival Internacional de Cine de Cartaxena. Montaña en sombra, de Lois Patiño ven de participar en competición da sección Cinema XXI do Festival de Roma neste pasado mes de novembro ou La Brecha, de Marcos Nine, en Bos Aires.

O documental Fóra de Pablo Cayuela e Xan Gómez Viñas que reconstrúe a historia do manicomio de Conxo e tivo a súa estrea en Copenhague ou Nacional VI de Pela del Álamo que pasou polo festival de Málaga ou o Documenta de París son outros exemplos da proxección do novo cinema galego. 

Excepto o traballo de Chirro,os proxectos agora estreados foron beneficiarios das axudas aos novos talentos creadas pola Consellaría de Cultura do goberno bipartito que apoiaron a creación do novo cinema galego e supuxeron un singular modelo de política cultural de promoción da creación.

A rede supón outra maneira de traspasar fronteiras para o cinema galego e exemplo diso é a participación no Festival Internacional de Cine Documental online Humanity Explores do documental Silenciadas, de Pablo Ces con guión de Aurora Marco. 

Comentarios