Crítica de cinema das sextas feiras

Un mar de enredos, por Andrés Castro

Leonardo Montenegro é un multimillonario, mimado e sen escrúpulos, que cae do seu iate e perde a memoria. É a oportunidade de Kate de vingarse polo trato recibido cando traballaba de limpadora no seu barco: faise pasar pola súa esposa.

0717952.jpg-r_1280_720-f_jpg-q_x-xxyxx

Os 80 están de moda. Podemos ver nas tendas camisetas de grupos heavy que antes só atopabas en tendas especializadas (na mítica Portobello por exemplo), as series máis vistas tamén adoitan estar ambientadas nesta época (Stranger Things), tamén proliferan cada vez máis secuelas, reboots e remakes daquelas míticas pelis dos 80 xa estreadas (Blade Runner ou Robocop) e por estrear (Os Goonies ou Dune) e por riba a maioría dos filmes tiran sen pudor da nostalxia oitenteira como Thor Ragnarok ou, tocando cumio: Ready Player One de Steven Spielberg que aglutina, con moita intelixencia, todo o que molaba daquela época. Por suposto todo ten a súa lóxica. Encántanos revivir “os mellores anos da nosa vida” e os que somos pais e nais agora mesmo fomos adolescentes naquela década, xusto a época na que os estudos din que se definen os nosos gustos. E Hollywood sábeo…

Aproveitando esta inercia, e tamén un pouco (bastante) por falta de ideas, agora veñen cun remake de Un mar de leas, un filme de 1987 dirixido por Garry Marshall (o de Pretty Woman) protagonizado pola parella cinematográfica de moda: Kurt Russell e Goldie Hawn. Non tivo demasiado éxito no momento así que renxe un pouco que se faga agora un remake. O dito… Hollywood anda falto de ideas.

Basicamente limitáronse a mudar os roles da parella protagonista actualizando, iso si, algún que outro tema de actualidade. Se daquela a multimillonaria era Goldie Hawn, agora é Eugenio Derbez (Non se aceptan devolucións), famoso cómico mexicano que está intentando dar o salto á meca do cine. Leva boas trazas… E se o “pobre” na orixinal era Kurt Russell, agora é a quenda de Anna Faris, actriz de comedia protagonista da saga Scary Movie e outras pelis “de nivel” (Unha coelliña no campus, O oso Yogui, Dime con cantos). Pouco máis que engadir...

A trama, por suposto, é cuspidiña ao filme de Garry Marshall. Un multimillonario, déspota e mimado, decide non pagar os servizos dunha limpadora (na orixinal era carpinteiro) que está a traballar no seu iate. Resulta que a moza tamén é pizzeira, nai solteira e ten tres fillas. Cando se decata que o ricachón caeu pola borda da súa embarcación de recreo e perdeu a memoria, decide vingarse facéndolle crer que están casados. A partires de aquí podemos imaxinar como vai rematar o conto…

A novidade consiste en que meten de esguello o tema da inmigración e das condicións laborais dos estranxeiros (e autóctonos), todo nun marco moi de telenovela. De feito, como estratexia de marketing para gañarse aínda máis ao público latino, aparecen en roles secundarios xunto a estrela Eva Longoria (Mulleres desesperadas), as actrices mexicanas Cecilia Suárez e Mariana Treviño, moi famosas no seu país.

Unha comedia de enredo branca, amábel e sen pretensións que logra sacar varios sorrisos e un amago de gargallada. Non molesta, non aporta nada e mírase sen esforzo algún. Ideal para estas datas estivais.

Overboard

(EUA 2017, 112 min.)

Dirección: Rob Greenberg

Guión: Bob Fisher e Rob Greenberg

Fotografía: Michael Barrett

Música: Lyle Workman

Elenco: Eugenio Derbez, Anna Faris, Eva Longoria, John Hannah, Mel Rodríguez, Swosie Kurtz, Cecilia Suárez, Mariana Treviño

Comentarios