Un libro para escapar dos mapas

Tradución dun ensaio de Alastair Bonnett sobre xeografías ocultas
[Imaxe: SG] Un detalle do mapa
photo_camera [Imaxe: SG] Un detalle do mapa

Alastair Bonnett (Epping, Inglaterra, 1964) é xeógrafo académico desde hai máis de trinta anos. Profesor na Universidade de Newcastle, rexistra e analiza o territorio existente e expón as súas conclusións en ensaios de idiolecto universitario: Que é a xeografía (2008) ou Novas Vistas: O mundo cartografado como nunca antes (2018). Mais existe outros lugares que os fascinan, aqueles que están fóra dos mapas. A eles dedica Fóra do mapa, que agora publica en galego Rinoceronte Editora en tradución de Moisés Barcia.

"Sempre sentín fascinación polos lugares que están fóra dos mapas", explicaba nunha entrevista de hai dous anos, "creo que en parte reflicte a miña infancia nos arrabaldos de Londres. Sinto que a extensión da capital está a tapar a singularidade e a diversidade das vilas dos arredores. Está a emerxer unha nova caste de paisaxe, de centros comerciais e estradas". Ese panorama e outros semellantes, afastado dos usos e consensos sobre on que é bonito ou non, ocupa as páxinas de Fóra do mapa.

Psicoxeografía

Desde Rinoceronte encadran o libro na disciplina da psicoxeografía, a exploración dos ambientes urbanos que iniciaron os situacionistas -corrente a medio camiño entre a vangarda artística e o radicalismo político, activa nos anos 60. "Alastair Bonnett celebra o amor ao lugar e o desexo de imaxinar novos sitios", din na nota promocional, que tamén explica o título como "unha viaxe a través das xeografías que aínda permanecen agachadas, dende illas desparecidas a sumidoiros, cidades invisíbeis e terreos flotantes". Fóra do mapa é, ao cabo, "un testemuño fascinante do misterioso que resulta o mundo aínda a día de hoxe".   

Comentarios