Un lazo negro no teatro pola morte de Pico

A páxina da Asociación de Actores e Actrices de Galiza ábrese cun grande lazo negro. Nada máis que dicir. A morte do actor Xosé M. Olveira, “Pico”, conmocionou o mundo das artes escénicas e as mostras de dor sucedéronse desde que se coñeceu a noticia. 

Pico
photo_camera Pico

Á tarde do xoves a noticia da morte de Xosé M. Olveira, “Pico” difundíase con rapidez, en especial, coa axuda das redes sociais onde se sentiron os primeiros pésames pola perda. A Asociación de Actores e Actrices mudaba a portada da súa páxina para a converter nun grande lazo negro en sinal de loito da profesión pola morte dun dos seus, dun dos nomes que, sen dúbida, pasará á historia do teatro galego. O corpo está a ser velado no tanatorio de Boisaca, en Compostela, e a incineración desenvolverase no fin da tarde do venres, na intimidade familiar. 

Desde a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, vencellada tamén co actor na súa longa historia fundamental para o teatro profesional galego, remitían o seu pesar pola perda dunha “boa persoa, un magnifico artista que permanece na memoria do pobo e que tamén contribuíu a facer grande esta Mostra”.

Silencio no teatro

O actor Luís Zahera facía parar a función. O teatro tornábase silencio cando decidía suspender a función preparada para onte mesmo na sala da Nave de Vidán, en Santiago. 

Mais era na rede onde o afecto e o respecto que a figura de Xosé M. Olveira “Pico” despertaba quedou a vista nada máis se coñecer a noticia. A concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Ribeiro, publicaba un chío no que se mostraba “apenada” polo pasamento do actor e engadía que os dous espazos escénicos do Concello, o Pazo da Cultura e o Teatro Principal “lembrarán sempre o seu bo facer”. 

O presidente de AGAL, Miguel Pernas apuntaba que “hoje o país fica um algo mais empobrecido…” e o xornalista Diego Giráldez apuntaba que “hai actores que deixan o pano arriba aínda que baixen do escenario”

O máis grande actor

Un dos nomes principais da escena galega, o actor e director Cándido Pazó, relataba como Pico chegou ao Seminario fuxindo do mar para o que estaba destinado como todos os mozos de Esteiro, e fuxiu do Seminario para subir a un escenario. "Non sei se o mar perdeu un gran mariñeiro, non sei se a Igrexa perdeu un gran cura, pero o teatro galego gañou o, para min, actor máis grande da súa historia profesional, e non é emoción do momento (inda que estea emocionado) e o que penso querendo ser obxectivo. E perdeuno onte. Que a súa memoria nos console, aínda que o vexo difícil. Gústame lembralo en escena. Con Ricardo de Barreiro en “A Piragua”", escribe na súa páxina de facebook, na que inclue unha imaxe do proxecto que compartiu co actor. Tamén o actor Monti Castiñeiras recoñecía o doado que era traballar ao carón de Pico.

Simbad, Noite de Reis, Entre Bateas...

O público agradecíalle os moitos bos momentos, tanto na televisión como no cine ou no teatro e non faltou quen mostrou as súas interpretacións preferidas. Así, Alba Pena escribía: “Noite de Reis, esa gran obra á que fun ver dúas veces e mais que iría se por min fose, nunca tanto me rin! DEP “.Carlos Feijoo, en cambio, sinalaba: “Finou o vello Simbad que quería voltar ás illas. Moito o sinto. Sempre excelente pero nunca mellor que naquela obra do CDG”. Para María Yáñez, os seus personaxes favoritos foron “o Veiga de Entre Bateas, o Salvador de Esperanza, varios cregos e o romano de "Eu son Anxo Quintana".

Sergio Barca dicía que se ía “o avogado de Pratos Combinados e o obispo de Padre Casares!” mentres o escritor Marcos Olveira lembraba que a última vez que o viu foi como “kafka escribindo cartas dunha boneca... que a terra lle sexa leve”.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) lamentou a morte na súa páxina web e incorporou unha galería de imaxes das montaxes do CDG na súa páxina. Tamén o Cluster do Audiovisual lamentou a perda dun actor "que destacou pola súa profesionalidade e bo facer no mundo da interpretación". 

A TVG emitirá na tarde do venres un capítulo da serie "Pratos combinados" e o sábado "Sinbad". 

Comentarios