venres 28/01/22

Últimas horas das votacións para que Rosalía de Castro dea nome a unha estrela

O 12 de novembro remata o prazo para conseguir poñerlle o nome de Rosalía de Castro á estrela HD 149143, e Río Sar ao seu planeta, HD149143b.
Agrupación Astronomíca Ío Estrela Rosalía
Foto da presentación pública da iniciativa (Fundación Rosalía de Castro)

O 12 de novembro remata o período de votación para conseguir poñerlle o nome de Rosalía de Castro á estrela HD 149143, e Río Sar ao seu planeta, HD149143b.

A iniciativa, promovida pola Agrupación Astronómica coruñesa Ío, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, naceu da campaña #NameExoWorlds da Unión Astronómica Internacional para celebrar o seu centenario, permitindo que cada país do mundo lle poña nome a unha estrela cun exoplaneta asociado.

HD 149143 é a estrela asignada ao Estado español. É unha anana amarela parecida ao noso Sol situada a 240 anos luz de nós, na constelación de Ofiúco, o Serpentario. A súa magnitude relativa é 7,89, o cal a converte nun obxecto visíbel con prismáticos en ceos escuros.

Pola súa banda, o exoplaneta HD 149143 b foi descuberto en 2005. É un xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela: tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela.

Topónimos asociados a Rosalía

A Agrupación Astronómica coruñesa Ío propuxo nesta campaña o nome de Rosalía de Castro para a estrela HD 149143, e o de Río Sar para o seu exoplaneta HD 149143 b. En caso de que se descubran máis exoplanetas neste astro, a súa proposta inclúe outros topónimos asociados á vida e obra de Rosalía como Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria.

Os votos recolleranse a través desta web até esta terza feira día 12 de novembro. Os resultados finais serán dados a coñecer nun anuncio oficial da Unión Astronómica Internacional a partir de mediados de decembro, conxuntamente cos outros nomes das estrelas e planetas asignadas a cada país. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Últimas horas das votacións para que Rosalía de Castro dea nome a unha estrela
comentarios