A CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'O último cazador de bruxas'

As bruxas conviven cos seres humanos, tras unha tregua que dura séculos unha conspiración de bruxos tratará de resucitar á Raíña Bruxa para que reúna ás forzas máis poderosas da maxia negra para dominar o mundo. O último cazador de bruxas Kaulder (Diesel) é a única esperanza da humanidade.

the-last-witch-hunter

A ver, fagamos reconto... xa estaban vivindo entre nós vampiros (Blade), lobishomes (Underworld), extraterrestres (Homes de negro) e forzas do inferno (Constantine)... agora tócalle a vez as bruxas. Ben si, para bruxas, ou mellor dito bruxos, xa tiñamos o honroso caso de Warlock, o bruxo (1989, Steve Miner) ou todo o universo J.K. Rowling de Harry Potter, pero en O último cazador de bruxas a cousa céntrase no vixiante. Un Vin Diesel na mesma liña de sarcasmo bruto de Riddick, pero moi en plan Blade mesturado cun chisco de Constantine e outro de Connor MacLeod (Os Inmortais). O bo de Kaulder, que é como se chama Diesel, recibe unha maldición após matar á Raíña Bruxa.

Unha maldición que lle da a vida eterna (sic)... 800 anos despois, xa na actualidade, segue coa ardua tarefa de protexer o mundo das bruxas baixo o control dunha orde clérigomasónica chamada a Cruz e a Machada que fixo un pacto para que as bruxas puideran convivir en paz coa humanidade baixo unha única norma: “non usar a maxia contra os humanos”. De incumprir esta lei poderían acabar cos ósos nunha cárcere enmeigada por toda a eternidade. Desde hai séculos asísteo un sacerdote que ha de mudar en cada xeración por un evidente problema de idade. Como número 36 da lista está Michael Caine que está a piques de se xubilar para seren substituído por Elijah Wood, o número 37. Unha homenaxe velada ao padre Merrin e padre Karras do Exorcista (1973, William Friedkin)... Loxicamente a paz entre humanos e bruxas non podía perdurar, senón non habería peli, así que todo se complica e comezan as investigacións, alianzas inesperadas, loitas imposíbeis, traizóns, acción e moita fantasía... Todo empacadiño cun luxoso deseño de produción e uns efectos especiais de quitar o impo para que desviar a atención sobre uns diálogos previsíbeis e absurdos. Porén tampouco O último cazador de bruxas non engana. É o que é e non pretende ser máis. Puro entretemento para poñer o piloto automático e deixarse levar por unha trama de maxia e fantasía que xa vimos mil veces. Sen ser orixinal cumpre o cometido. Leva pinta de se converter en franquía, e de feito xa teñen proxectada unha segunda parte. Seica ninguén lles comentou que facendo unha queimada xa estaba...

The Last Witch Hunter

(Estados Unidos 2015, 106 min.)

Dirección: Breck Eisner

Guión: Cory Goodman, Matt Sazama e Burk Sharpless

Fotografía: Dean Semler

Música: Steve Jablonsky

Elenco: Vin Diesel, Rose Leslie, Elijah Wood, Michael Caine, Ólafur Darri Ólafsson, Rena Owen, Julie Engelbrecht, Joseph Gilgun, Lotte Verbeek

Comentarios