QUE LER?

A última novela de Antía Nara e o teatro de Vidal Bolaño, as suxestións de leitura de Mario Regueira

Comezamos esta fin de semana a sección Que Ler? e facémolo da man do crítico literario que acompaña o Sermos de papel -o semanario- desde o seu nacimento, Mario Regueira. 

Mario Regueira. Que Leer.
photo_camera O crítico de Sermos Mario Regueira

Mario Regueira é escritor e doutor en Teoría Literaria. Asina cada quinta feira as críticas literarias do semanario Sermos Galiza.

-Que estás a ler neste momento?

-Nacionalismo galego de aquén e alén mar de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel e Ready Player One de Ernest Cline.

-Que libros tes pendentes de ler?

-Probabelmente moitos máis dos que debería. Dos publicados hai pouco, quedáronme pendentes O último día de Terranova de Manuel Rivas e The Sex Lives of Siamese Twins de Irvine Welsh. Tamén busco oco dende hai anos para algunhas sagas de fantasía, como A Song of Ice and Fire de George R.R. Martin.

-Hai leituras de fin de semana ou les o mesmo que durante os días laborábeis?

-Non, hai leituras densas e outras máis áxiles, ou máis asociadas ao entretemento, pero os seus ciclos non teñen relación cos días da semana, é máis unha cuestión do que pida o ánimo nun momento determinado.

-Que libros recomendarías á xente da comunidade sermos?

Dos que lin nos últimos meses, pareceume moi interesante Cara ao leste, a última novela de Antía Nara. Tamén os animaría a achegarse a xéneros considerados minoritarios, como o teatro (as obras de Vidal Bolaño son unha aposta segura), ou a poesía, especialmente a poesía nova que se está a escribir na nosa lingua.

-Sempre les con ollos de crítico ou hai veces que te relaxas e te mergullas mais descontraidamente na leitura?

Hai un concepto do feminismo que é o das lentes violeta. Unha vez que entendes determinadas relacións de poder, nunca podes volver mirar o mundo con inocencia. Creo que as persoas que nos dedicamos á crítica e á teoría literaria temos as nosas propias lentes, e que mesmo tratando de abstraernos, sempre acaba por aparecer certa ollada crítica.

Comentarios