O "Ulises" de Joyce en galego consegue o Premio de Tradución do Ministerio de Cultura

A tradución do Ulises de James Joyce ao galego de María Alonso Seisdedos, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Vialle e publicada por Galaxia consegue o Premio Nacional de Traducción do Ministerio de Cultura. 

Equipa que traduciu o Ulises
photo_camera Equipa que traduciu o Ulises

O Premio do Ministerio de Cultura para a tradución ao galego do Ulises de Joyce súmase aos outros galardóns que o traballo de anos da equipa formada por María Alonso Seisdedos, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Vialle recibiu desde que o libro saíu publicado na editorial Galaxia. A totalidade dos premios para traducións publicadas en libro no 2013 caeron na magna obra, un esforzo inmenso nun momento no que o mundo editorial está a recuar na publicación de tradución tamén pola redución do apoio institucional. 

O Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Traducido de 2013, o Premio da Asociación de Editores como Mellor Tradución do ano 2013, o Premio Irmandade do Libro 2013 á Tradución e o Premio AELG 2014 á Mellor Tradución situaron ao Ulises de Joyce nun lugar cimeiro das obras do ano que agora vese tamén recoñecido co Premio de Traducción que cada ano concede o Ministerio de Cultura Español. O editor literario de Galaxia, Carlos Lema, estivo á fronte do traballo de edición do libro. 

Número de Grial

A Editorial Galaxia informa tamén de que está a piques de saír publicado o número 203 da revista Grial que leva como título “Ulises, Joyce e Galicia” e que inclúe traballos de Antonio R. de Toro, César Domínguez, X. M. Giráldez, Marilar Aleixandre ademais do equipo de tradución do clásico irlandés. Nunha entrevista publicada no Sermos Galiza arredor do traballo de traer ao galego o Ulises, o escritor e tradutor Xavier Queipo, colaborador habitual de Sermos Galiza, recoñecía que o proxecto era “unha homenaxe á xeración Nós”. 

Comentarios