Ugia Pedreira, a voz e o movemento na Fortaleza de Tovar

Desde que reiniciara a súa vida ao abandonar a súa carreira musical e voltar á súa Mariña natal, Ugia Pedreira reinventouse creando un coro en Rinlo e agora vén de presentar o “Curso de Vrao na Fortaleza de Tovar” (Val de Lourenzá) de voz e movemento, xunto con Marina Oural, poeta e performer. 

ugia-marina
photo_camera Ugia Pedreira e Marina Oural

A Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, a través de Ugia Pedreira e Marina Oural, presenta seu primeiro Curso de Vrao na Fortaleza de Tovar (Val de Lourenzá) durante os mércores de xullo, agosto e setembro. Comeza o 20 de xullo e finalizará o 28 de setembro. Está dirixido a todas as idades, crianzas e adultos, e de calquera procedencia, oficio ou condición.

Este curso, ao que se pode acudir cando se queira, cada sesión é independente, é -segundo as promotoras- “un espazo, un lugar, un momento para experimentarse e coñecerse na voz e no movemento dunha maneira integral, holistica, trasversal para que sexa útil na vida diaria”.

Para levalo adiante botarán man de recursos como a poesía, a música, a danza e a improvisación, a comunicación e o relacionamento,  e a arte vista como saúde, “onde a creatividade e o xogo serán esenciais elementos para traballar a creación libre e espontánea que todos temos, sen prexuizos e normas e coa natural intención colaborativa e de inclusión social”.

Comentarios