Ugía Pedreira leva as Follas Novas de Rosalía de Castro a París

Organiza o Instituto Cervantes en marzo
Ugia Pedreira
photo_camera Ugia Pedreira. Foto: cedida.

Corpo, unha pequena guitarra de xoguete, pandeiro e ramallos de eucalipto son as ferramentas coas que Ugia Pedreira interpela musicalmente a poesía de Rosalía de Castro. Rosalía, o ramalho! é o título da performance que interpretará por terceira vez en París. Será o 20 de marzo, ás sete do serán, no salón de actos da sede do Instituto Cervantes.

Os oito primeiros poemas de Follas Novas -a sección titulada Vaguedás- conforman o material escollido por Pedreira. "Falei con [a profesora e ensaísta] Pilar García Negro para saber que poemas escoller e faloume dese tramo inicial de Follas Novas", conta Pedreira a este xornal, "intimista, que trata da identificación da poeta". Esa foi a Rosalía que a cantante elexiu para cumprir co encargo inicial, do Concello de Pontevedra. Logo levouno á Casa da Matanza e agora irá a París.

"Atopei a poeta salvaxe, sagaz, retranqueira, apaixonada e rebelde, a que fala da súa intimidade de maneira política", explica, "e iso resoa comigo, esa confrontación con nós mesmas". "D'aquelas que cantan as pombas y as frores / Todos din que teñen alma de muller, / Pois eu que n'as canto, Virxe d'a Paloma, / ¡Ay! ¿de que' a terei?", comeza o libro e tamén o espectáculo de Pedreira. O cuarteto de versos fai case pola poética da performance.

Con citas a Narf e Uxía

As composicións de Ugia Pedreira sobre os poemas de Follas Novas inclúen algunhas citas musicais. En D'aquelas que cantan reutiliza os arranxos que, para os mesmos versos, fixera Uxía. E noutra canción revisa Narf.

Na nota sobre Rosalía, o ramalho!, a música fala das influencias estéticas da performance e menciona a dramaturga catalá Angélica Lidell ou a poeta de Lourenzá Marina Oural. "Pedreira esculpiu a dor como información que esta [Rosalía de Castro] nos dá para o autocoñecemento e os cambios de rumbo", indica, "a eterna procura de revelar e analizar a condición humana, os misterios da comunicación e entendemento ou a responsabilidade individual no contexto de autodestrución da sociedade actual".

Comentarios