Denuncia a Asociación de Actores e Actrices

A TVG négase a mellorar a retransmisión dos María Casares e non emitirá a súa gala

A Televisión Galega non retransmitirá a gala de entrega dos premios de teatro María Casares. A Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG) adoptou a decisión logo de que a canle pública se negase a mellorar as condicións da emisión e nin sequera aceptase unha xuntanza con ela.
 

gala maría casares 2018
photo_camera Gala dos premios María Casares de 2018. Foto: AAAG.

“Ao longo dos últimos meses, e en base ao mandato asembleario de mellorar as condicións ou procurar alternativas, solicitamos reunións cos responsábeis de programas da TVG para lles propoñer mudanzas”, explica nun comunicado a asociación, “pero a xuntanza nunca aconteceu”. O colectivo remitiu despois as súas propostas por escrito, “mais foron ignoradas”. As actrices a actores querían que a retransmisión do seu día grande fose na primeira canle da TVG e nun horario razoábel.

O ente público, porén, cinxiuse a repetir a estrutura e as condicións de pasdas edicións: retransmisión en streaming na web da compañía, emisión na segunda canle e en horarios “pouco favorábeis para a audiencia”. “A AAAG considera que a CRTVG falla na súa obriga de difundir a cultura propia en xeral e a teatral en particular”, di o comunicado.

O texto critica duramente as últimas decisións da compañía pública a respecto da información cultural. “Parece que nin os María Casares nin o sector escénico encaixan nas coordenadas marcadas polo lema #Cultura365 implusado pola CRTVG desde o momento en que se desvirtuou a marca histórica do Diario Cultural”, expón. Tamén se refire á mobilización do persoal, no sindical -con folgas e paros- e no xornalístico -cos Venres Negros contra a manipulación.

A 23ª edición dos María Casares poderáse seguir en directo o vindeiro 21 de marzo a partir das nove da noite en Youtube, grazas a un acordo da Asociación de Actores e Actrices coa ampresa ourensá Aleuto Medios Dixitais.

Comentarios