Sánchez Izquierdo gábase do Luar e Bamboleo como espazos de promoción da cultura

montse
photo_camera montse

A TVG elimina espazos culturais, diríxeos á segunda canle e afástaos dos mellores horarios televisivos. Estas foron as denuncias que o BNG, a través da súa deputada Montse Prado, dirixiu ao director xeral do medio, Alfonso Sánchez Izquierdo, na súa comparecencia parlamentaria. 

O BNG cuestionaba por medio dunha pregunta que se estivese a “relegar” a programación cultural da grella da TVG que non estaba, segundo lamentou a deputada nacionalista, a reflectir a riqueza da creatividade nos distintos sectores da cultura. “Apoiar a cultura galega tiña que estar no ADN da TVG e está no mandato da súa creación, mais cremos que non se están a cumprir as expectativas. A presenza foi minguando e non hai vontade de que os medios públicos se convertan en soporte de difusión da nosa cultura”, sinalou a deputada. 

“A cantas persoas chegou a cultura galega? Por que a relega á segunda canle? , perguntou Montse Prado

A resposta de Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, xirou arredor da afirmación coa que comezou a súa intervención: “a cultura galega está presente en toda a programación”. Debullou Sánchez Izquierdo algúns dos programas e iniciativas que destina á cultura, entre eles o arquivo sonoro da RG ou a iniciativa que o pasado ano desenvolveu coa AELG e Galix “En galego, leo” que non se repetiu no presente ano, para xustificar tamén a difusión da música galega con catro programas: Luar, Bamboleo, Alalá e o novo Oh Happy Day. 

“A cantas persoas chegou a cultura galega? Por que a relega á segunda canle? Canta audiencia ten nos horarios nos que a sitúa?”, inquiriu logo a deputada, que lamentou que o director sinalara Luar e Bamboleo como espazos de difusión da cultura galega cando a presenza da creación propia é mínima. “Se continúan a relegar a cultura de xeito sistemático, están a contribuír a que a radio e a televisión deixen de ter sentido”, concluíu Montse Prado. 

Comentarios