Turisgalicia Ribeira Sacra, unha app para impulsar a economía e a candidatura a Patrimonio Mundial

A Deputación de Lugo presenta unha aplicación móbil coa que pretende reactivar a economía da zona e ao mesmo tempo continuar o traballo da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco, a pesar do informe negativo do Icomos.
EuropaPress_3785143_foto_ribeira_sacra_canones
photo_camera Panorámica dos canóns da Ribeira Sacra. (Foto: Europa Press)

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou nesta terza feira en Monforte de Lemos unha aplicación para dispositivos móbiles, Turisgalicia Ribeira Sacra, que supón unha guía dixital con acceso "rápido e fácil" a información "útil e actualizada" sobre recursos turísticos da Ribeira Sacra destinada a estimular a economía da zona.

Turisgalicia conta, segundo informou a Deputación, cunha guía de lecer actualizada "diariamente", cunha selección de lugares de interese, cunha oficina virtual de turismo, cunha relación de adegas, e cun sistema de xeolocalización que permite coñecer "de maneira instantánea" os recursos turísticos máis próximos.

O presidente da Deputación destacou que esta ferramenta dixital axudará a "recuperar a actividade dos sectores económicos que máis padeceron os efectos da pandemia", isto é, "turismo, hostalaría e comercio local".

Tomé Roca explicou que esta iniciativa está relacionada coa aposta por consolidar "un modelo de turismo sustentábel, sen masificacións" e que promova "fluxo de visitantes todo o ano" para "pór en valor" o patrimonio e crear emprego.

Así, para José Tomé, o proxecto supón continuar co apoio "á aspiración da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade" e confesa que a pesar das dificultades, desde a Deputación continuarase a traballar para "facer visíbel e pór en valor" ese territorio "único". Roca fixo un chamamento ás administracións e á sociedade para seguir cos labores nesta liña, coa "confianza" de que recollerán "os bos froitos" do traballo conxunto para o futuro.

Ana Pontón fala dun “fracaso anunciado”

A portavoz BNG, Ana Pontón, falou desde Pantón da retirada da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco. A parlamentaria referiuse a este feito como "un fracaso anunciado" e sinalou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, como "principal responsábel" pola súa "incompetencia e a súa soberbia política".

Pontón propón crear un plan de xestión e usos da Ribeira Sacra, coa colaboración de todos os axentes, "tamén hai que implicar a veciñanza, que debe sentirse protagonista", afirmou.

A portavoz do BNG acusou a Feixoo de presentar unha candidatura "mal enfocada e sen diálogo social” que provocou un dano "sen precedentes" na imaxe internacional da Galiza. Asegurou que Feixoo debe "dar explicacións" polo "negativo" e "contundente" informe do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos).

Comentarios