CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Trumbo, o comunista que sobreviviu á caza de bruxas

Fotograma de Trumbo
photo_camera Fotograma de Trumbo

TRUMBO

(EUA 2015, 124 min.)

Dirección: Jay Roach

Guión: John McNamara

Fotografía: Jim Denault

Música: Theodore Shapiro

Elenco: Bryan Cranston, Diane Lane, Helen Mirren, Louis C.K, John Goodman, Elle Fanning, Dean O’Gorman, Christian Berkel, Stephen Root, Michael Stuhlbarg, David James Elliott, Richard Portnow, Roger Bart, Peter Mackenzie, Mark Harelik

SINOPSE

Dalton Trumbo era o guionista mellor pagado dos anos 40 até que se inicia un movemento de persecución comunista impulsado pola Comisión de Actividades Antiamericanas. Trumbo entra a formar parte da lista negra de Hollywood polo que ninguén pode contratalo, mais atopará un xeito que acabará por cuestionar a “caza de bruxas”.

CRÍTICA

“Durante os anos 30, en resposta á Gran Depresión e o aumento do Fascismo, miles de norteamericanos uníronse ao Partido Comunista dos Estados Unidos. Tras a alianza dos Estados Unidos e a Unión Soviética durante a Segunda Guerra Mundial, moitos máis se uniron ao Partido. O escritor Dalton Trumbo, un incansábel loitador polos dereitos dos traballadores, uniuse ao Partido en 1943. Pero a Guerra Fría proxectou un novo foco de sospeita sobre os comunistas norteamericanos”. Así comeza este biopic sobre Dalton Trumbo, un dos guionistas máis reputados de Hollywood autor dos libretos de Espartaco (1960, Stanley Kubrick), Papillón (1973, Franklin J. Schaffner) ou de adaptar e dirixir a súa propia novela Johnny colleu o seu fusil (Gran Premio do Xurado en Cannes), entre outras, ademais de ser propietario merecido de nada menos que de dous Óscar da Academia a Mellor Guión: por Vacacións en Roma (1953, William Wyler) e por O Bravo (1956, Irving Rapper). O curioso de todo isto é que non foi até anos máis tarde que puido recoller as douradas estatuíñas. E todo porque unha facción ultraconservadora da sociedade norteamericana decidiu perseguir a liberdade de pensamento e acusar de traidor a calquera que non fora da súa corda. Dalton Trumbo, un “comunista de piscina” como lle chamaban algúns, foi xulgado por un tribunal que non respectaba os mínimos dereitos legais da xente acusando de traizón á patria simplemente por pertencer, ou ter relación, co Partido Comunista, que era legal até non facía moito... Trumbo entra entón a formar parte dos “Dez de Hollywood”, unha lista negra que equivalía a estar no paro por tempo indefinido. Mais o escritor era un tipo moi locuaz e de humor intelixente, dese que molesta aos imbéciles, así que non quedou de brazos cruzados e ideou un método para seguir traballando na sombra... Sen dúbida un dos puntos fortes deste biopic é o seu protagonista, Bryan Cranston, que abandona definitivamente ese estigma que lle deixou Walter White (Breaking Bad) cunha interpretación do escritor estadounidense que roza a simbiose e que lle proporcionou unha nomeación a Mellor Actor nos pasados Óscar, que seguramente tería levado para casa se non estivera Leo DiCaprio polo medio...

Un dos puntos fortes deste biopic é o seu protagonista, Bryan Cranston, que abandona definitivamente ese estigma que lle deixou Walter White (Breaking Bad)

Fan de comparsa de Cranston a gran Helen Mirren, Diane Lane ou John Goodman, así coma unha recua de actores menos coñecidos que encarnan ás grandes estrelas da época: Michael Stuhlbarg/Edward G. Robinson, Christian Berkel/Otto Preminger, Dean O’Gorman/Kirk Douglas ou David J. Elliot/ John Wayne. Un dos acertos do filme é que non se procura un parecido “exacto” a base de complicadas próteses ou perrucas que non farían outra cousa que desviar a atención da trama e facer as interpretacións menos cribles. Si que hai certo “aire” entre o casting elixido e os actores que encarnan pero aí queda todo. Con esta decisión o filme gaña enteiros en verosimilitude e o/a espectador/a pode deixarse levar pola historia sen distraccións de postizos imposíbeis. Tamén sorprende a dinámica e solvente dirección dun Jay Roach que até o momento só dirixira filmes de Austin Powers e comedias de Ben Stiller ou Will Ferrell. Dirección apoiada nunha xenial ambientación dos anos 40 e 50 e unha intelixente mestura de imaxes de ficción e de arquivo que nos inmisce aínda máis na historia. Unha historia que achega ao gran público unha figura indispensábel na historia do cinema a través da adaptación da biografía autorizada escrita por Bruce Cook, coa completa colaboración do propio Dalton Trumbo. Tamén desvela e saca a careta de quen era quen realmente naquel Hollywood convulso de traizóns e acusacións infundadas. Moi recomendábel... sobre todo para amantes da sétima arte.

Comentarios