'Trote', o primeiro filme en galego no Festival de Donostia

Estes días está a rodarse Trote, o debut na longametraxe de Xacio Baño que se converterá na primeira fita en galego que participe na competición do Festival de Cinema de Donostia. 

trote
photo_camera Momento da rodaxe de 'Trote' [Xacio Baño é o segundo pola dereita]

Trote suporá o debú na longametraxe do cineasta galego Xacio Baño, consagrado xa no mundo da curta e con varios premios no peto. Este filme está rodado integramente en Galiza -e en galego- e protagonizado por Celso Bugallo, María Vázquez, Diego Anido, Tamara Canosa e Federico Pérez.

A fita está a filmarse desde este mes de xuño en diversas localizacións galegas e os días 15 e 16 rodarán na Rapa das Bestas de Amil en Moraña

A fita está a filmarse desde este mes de xuño en diversas localizacións galegas e os días 15 e 16 rodarán na Rapa das Bestas de Amil en Moraña. Ademais, o proxecto foi seleccionado para participar no prestixioso programa de residencias Ikusmira Berriak promovido polo Festival de Donostia que busca impulsar a creación audiovisual. Como parte dsta colaboración, o filme participará na sección competitiva do festival unha vez rematada, o que converterá 'Trote' na primeira fita en galego a concurso neste evento de referenza internacional. 


.
Xacio Baño é un dos directores galegos con máis proxección internacional. As súas curtametraxes Eco (2015), Ser e voltar (2014) e Anacos (2012) obtiveron premios en prestixiosos festivais como Clermont-Ferrand, Locarno, Sevilla, Alcances, Slamdance, Málaga ou Telluride.

'Trote' xira arredor de Carme, unha moza que vive nunha aldea da montaña, nun ambiente pechado e opresivo, do que quere fuxir

A produción é cousa de Frida Films, a produtora galega que está detrás de María (y los demás), que foi nominada a dous Goya e acadou cinco Mestre Mateo, entre eles o de mellor filme. 

Trote xira arredor de Carme, unha moza que vive nunha aldea da montaña, nun ambiente pechado e opresivo, que quere fuxir. O filme transcorre durante a fin de semana na que se celebra a Rapa das Bestas. É, en palabras da produtora, "a loita entre o home e o cabalo, entre a razón e o instinto". 
 

O precedente de Padrolongo (2008)

Mais se Trote é a primeira fita a competir na sección oficial do festival, non é o primeiro filme galego en se exhibir no marco dese evento. En 2008 xa o fixo a película de Ignacio Vilar Pradolongo, na sección paralela Made in Spain. E non só competiu, senón que o filme protagonizado por Rubén Ríos e Tamara Canosa mesmo se fixo cun galardón, o Premio Cidade de San Sebastián Film Comission. O premio distinguía a longometraxe que, a xuízo do xuri, mellor reflectía os valores culturais e sociais das comunidades do Estado.

Comentarios