'Trono e caléndula', os versos premiados de Carlos Penela marcados pola musicalidade

O escritor e poeta vigués, colaborador de Nós Diario, gañou o Premio de Poesía de Carral. Desde a organización anuncian que a Editorial Espiral Maior publicará unha antoloxía de todas as autoras e os autores da historia do certame.
Carlos Penela (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carlos Penela. (Foto: Nós Diario)

O poeta vigués Carlos Penela atende Nós Diario desde Viena (Austria), cidade onde reside, para conversar sobre a súa nova obra, Trono e caléndula, pola que vén de recibir o Premio Poesía Concello de Carral. Penela adianta algúns dos segredos desta obra que non será editada até o ano que vén.

O texto realizouno a lume lento "ao longo dos últimos tres anos, coincidindo co tempo groso de pandemia e confinamento", recoñece. O contexto, sinala, "influíu, aínda que non é un libro que trate de falar do confinamento". De Trono e caléndula, Penela salienta, por diante de todo, a estrutura.

"Presenteino co lema de 'Libro de horas' ao ser unha especie de almanaque no que eu vou debullando unha serie de temas dentro da estrutura das estacións do ano, nese sentido moi simple", apunta. 

A obra conta con catro partes que se corresponden coas estacións do ano. Por cada estación van varios poemas, "moi simétricos na estrutura, no contido e na extensión tamén", di o autor. Penela revela que nesa estrutura conta temas como o exilio, a emigración ou a superación da dor, recorrentes, por outro lado, na súa obra. 

A importancia do ritmo

Marcado polo ritmo das estacións e polo devir do tempo, a obra gañadora respira tamén a idea da natureza como algo externo. "Aí si que se nota que se concibiu desde certa reclusión, o libro ten vontade de saír fóra. Está concibido desde interiores e fala moito do exterior. Cada unha das partes do libro vén marcada por iso e polo vocabulario da natureza, as cores, as estacións", descobre Penela. 

Sobre o ritmo, unha das peculiaridades que salienta o xurado do Premio na súa acta, o autor coincide en que o seu texto "ten moita musicalidade". Sobre esta circunstancia comenta que esta característica "é algo que creo que se abandonou un pouco en certa poesía actual galega, mais a min interésame".

Como ramo da obra, Penela recolle as citas de autoras e autores que lle influíron. "Está John Berguer e Mark Strand, neste último, se cadra, está o sentido do libro de buscar saír da sombra de un mesmo".

Celebración pola 25º edición do Premio

O acto de entrega do premio terá lugar o 10 de xuño na Casa da Cultura, nun evento especial para conmemorar os 25 anos do certame. Inaugurarase unha exposición no Campo da Feira, as luces públicas de Carral levarán lonas dedicadas a cada autor e autora que obtivo este galardón e presentarase o libro gañador en 2021, Os puntos do impacto, de Ález Mene

Ademais, contarase co espectáculo O idioma da tinta, de Yolanda Castaño e Isaac Garabatos. Desde o Concello de Carral, Carlos Lorenzo, técnico de cultura, adianta a Nós Diario que, a maiores, en outubro, a Editorial Espiral Maior sacará do prelo unha antoloxía de todas as edicións que "contará con versos novos en exclusiva que lle pedimos a cada autora e autor, ademais dos que gañaron no seu momento o Premio".

O día antes, 9 de xuño, a Deputación da Coruña realizará unha xornada dedicada á historia deste Premio de Poesía.

Comentarios