Crítica de cinema das sextas feiras

"Trinta lumes", realismo e maxia no Courel

trintalumes1
photo_camera Un fotograma do filme

TRINTA LUMES

(Galiza 2017, 80 min.); Dirección: Diana Toucedo; Música: Sergio Moure de Oteyza; Fotografía: Lara Vilanova ;Elenco: Alba Arias, Samuel Vilariño

SINOPSE

Alba ten doce anos e desexa descubrir o descoñecido, o misterioso e o fascinante da morte. Co seu mellor amigo Samuel entran en casas abandonadas, percorren aldeas destruídas e adéntranse no interior dunhas montañas que esconden outro mundo paralelo.
 

Una viaxe que parte da inocencia para descubrir o misterio da loita entre a vida e a morte.

CRÍTICA

Segunda longametraxe documental de Diana Toucedo após En todas as mans, filme presentado en 2015 arredor das comunidades de montes no territorio da Galiza. Agora, con Trinta lumes, inmíscese de cheo na Serra do Courel para desenrolar outro documental, con intres de ficción, que trata de aprehender a idiosincrasia espiritual dos galegos e as galegas a través do achegamento aos habitantes desta zona e de como son quen de conservar as tradicións intactas neste mundo globalizado. Un lugar idóneo, O Courel, para levar a cabo tamaña “ousadía” pois é a proba xeográfica da colisión de dúas placas continentais, hai 340 millóns de anos, que deron lugar a formación da Galiza.

O xerme de Trinta Lumes xurdiu en Folgoso do Courel, concretamente no CPI Poeta Uxío Novoneyra. A idea orixinaria seica era contar unha historia centrada nos alumnos e alumnas do propio colexio, mais o proxecto foi medrando a medida que ían coñecendo máis a zona e as súas xentes. Tras almacenar unha cantidade inxente de tomas e secuencias de vida e de paisaxes, Diana Toucedo reescribe o guión na sala de montaxe xunto Ana Pfaff, editora tamén de Verán 1993 de Carla Simón. De feito Trinta Lumes ten moita conexión con Verán 1993 no sentido de que ambos filmes conseguen, a súa maneira, que as crianzas se expresen con total naturalidade diante da cámara, a pesar de tela a escasos vinte centímetros da faciana.

Con todo, mantén dous alumnos do colexio Uxío Novoneyra, interpretados por Alba Arias e Samuel Vilariño, como eixo narrativo da historia. Alba, en off, describe a súa fascinación pola morte e os espíritos que conviven arredor. O realismo e a maxia conviven entre bosques rumorosos, traballos escolares, almorzos en familia, paisaxes brumosos, lendas de samaín, cemiterios e rutinas diarias de matriarcas con faciana sucada polos anos e xigantescas mans coroadas por dedos que semellan tubérculos.

Ao principio Trinta lumes pode parecer un “filme de postais”. Moita paisaxe e pouca trama. Pero nada máis lonxe... De súpeto todo comeza cobrar forma nun brote de sinerxías que se van entrelazando entre si: as paisaxes, as personaxes, as tradicións, a vida cotiá, as crenzas, a música (de Sergio Moure de Oteyza) e cada un dos sons coidadosamente captados. Un tratamento do son, por certo, tratado como se fose unha personaxe máis que, por riba, acada algo insólito: logra transmitir unha curiosa experiencia sensorial ao activar co son unha zona concreta da sinapse vinculada coa infancia e as orixes de cada unha das persoas do público... proveñan de onde proveñan.

Trinta Lumes non deixa de colleitar unha manchea de nomeacións, recoñecementos internacionais e premios; comezando na Berlinale, pasando polo Festival de Málaga, o de San Sebastián, premiada en Toulouse co Premio a Mellor Fotografía, o do Xurado no Primavera de Cine de Vigo, foi nomeada aos Premios Gaudí, aos Premios Feroz e levou o Premio do Público na pasada edición do Novos Cinemas de Pontevedra.

Etnográfica, universal, hiper-realista (atención á escena do xabaril), máxica, sensorial, contemplativa, dramática, tenra, costumista e chea de contrastes. Unha película fascinante. Galiza en estado puro.

Comentarios