Trinta anos da Asociación de Actores e Actrices

E celébrano con nova web que inclúe un completo catálogo de todos os profesionais do sector.

AAAG 2
photo_camera AAAG

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) celebra neste 2015 o seu trixésimo aniversario e aproveita a efeméride para renovar o seu portal web, crear unha base de datos dos Premios María Casares e repasar a súa historia, que non é outra que “a historia do asociacionismo no sector teatral e audiovisual”. 

Este aniversario representa para a AAAG a oportunidade para realizar un percorrido pola súa historia desde a súa fundación en Compostela en 1985 até os nosos días, un período de trinta anos no que a Asociación impulsou a profesionalización dos nosos actores e actrices tanto no terreo teatral coma no ámbito audiovisual. 

Na nova páxina web da AAAG inclúense diferentes contidos para recuperar a historia da Asociación, como distintos vídeos co testemuño dalgúns dos fundadores do colectivo. Así, Mabel Rivera, Ernesto Chao, Gonzalo Uriarte, Luma Gómez ou Rosa Álvarez reviven ante a cámara a creación da AAAG, o nacemento do Centro Dramático Galego ou a negociación do convenio colectivo do teatro.

A AAAG renova tamén o catálogo en liña dos actores e actrices, cunha ferramenta actualizada, máis fácil de compartir e máis axeitada para a visibilización do traballo duns actores e dunhas actrices que poderán editar o seu propio espazo no catálogo, sen intermediación e permitindo unha rápida actualización dos seus datos profesionais. 

Comentarios