O tributo a Fernández Paz é TT

A unanimidade no pesar polo falecemento do escritor vilalbés deixa pegada nas redes sociais, onde até o presidente español escribiu un chío de condolencia. Porén, foi o ronsel de lectores e admiradores do autor os que expresaron, de xeitos diferentes e diversos, a admiración pola obra e a persoa.

Sin nombre

“Non, non e non” escribía na súa conta @Sandra_MaCor ao se enterar do falecemento de Agustín Fernández Paz. “Non o podo crer”, poñía @berflowersta. Son algúns exemplos da primeira vaga de chíos nas redes sociais nada máis se coñecer a nova da morte do escritor. Lectores e admiradores expresaban nas redes sociais o seu pesar polo pasamento e a súa admiración pola obra e a persoa. A Agustín Fernández acáelle aquilo de un bo home no bo sentido da palabra, que dicía Machado. Pequenos chíos e posts de internautas nos que se falaba de como lles impactou este ou aquel libro, ou como lles gustaban as súas reflexións, ou... Unha verdadeira maré de testemuños e tributos a un escritor que reunía calidade e bonhomía e cuxa marcha deixa orfo o mundo cultural galego.

A xente da cultura da Galiza amosou desde un primeiro momento a súa dor. Editoriais, asociacións de escritores, bibliotecas, institucións públicas, escritores, tradutores, o mundo universitario... todos quixeron dar o seu adeus e render homenaxe ao de Vilalba a través das redes sociais. Tamén organizacións políticas, sindicais ou de defensa do idioma galego, así como asociacións de base, ambientalistas, centros sociais... Poucas persoas son quen de reunir unha unanimidade tan ampla e diversa. Até o presidente españlol, Mariano Rajoy, puxo na súa conta oficial: “O meu pésame polo falecemento de Fernández Paz. Docente e escritor galego que con mestría achegou a literatura aos mozos”. Iso si, en español.

 

Ás 18:30 xa se rexistraran máis de 5.650 chíos sobre o autor de 'Cartas de Inverno', convertíndose en Trending Topic. Un pulo que amosa a admiración por Agustín Fernández Paz é inmensa e non coñece de fronteiras. 

Comentarios