Triángulo de Amor Bizarro, quen máis nominacións colleita aos premios MIN

Triángulo de Amor Bizarro e Novedades Carminha acaparan as principais categorías dos premios da  Música Independente. Pero tamén Malandrómeda opta ao mellor disco de hiphop e Abe Rábade ao de jazz. 

TAB
photo_camera Triángulo de Amor Bizarro

Desde o Barbanza ao liderado da música independente estatal. Louvados pola crítica, TAB é a banda que opta a máis galardóns (sete) xunto con Kase.O. E os composteláns Novedades Carminha a catro. Malandrómeda a dous e Abe Rábade e Xoel López a un. E ao mellor álbum en galego optan Caxade, Guadi Galego, Malandrómeda, Os Amigos dos Músicos e Eladio y los Seres Queridos. 

Triángulo de Amor Bizarro está a vivir un gran ano grazas ao seu último traballo, 'Salve discordia'. Nos MIN opta a sete premios, entre eles o mellor álbum, mellor artista, canción do ano por 'Baila sumeria', mellor álbum de rock, mellor directo, mellor produción e mellor deseño gráfico. 

Triángulo de Amor Bizarro está a vivir un gran ano grazas ao seu último traballo, 'Salve discordia'

A todo isto hai que sumarlle que gañaron hai pouco o II Premio Ruido ao mellor álbum estatal publicado en 2016 que outorga a Asociación de Xornalistas Musicais, onde tamén rematou finalista Novedades Carminha. E tamén foi elixido pola revista Mondosonoro como o mellor do ano, ademais de obter o sétimo posto na listaxe de Rockdelux que liderou Malandrómeda. 

Tampouco lle foi mal a Novedades Carminha co seu  'Campeones del mundo', que opta ao premio Flooxer ao mellor álbum do ano, ao galardón Radio 3 ao mellor artista, ao mellor álbum de pop e ao mellor deseño gráfico. 

En pop, tamén Xoel López opta ao mellor directo pola súa xira de 'Paramales'.

Hiphop e jazz

Quen tamén está a ser moi recoñecido polos seus últimos traballos son Malandrómeda, cuxos dous traballos que presentaron este ano: 'Os corenta e oito nomes do inimigo' e 'Cada can que lamba o seu carallo', foron elixidos como mellores álbumes pola revista raíña da música independente, Rockdelux. E agora tamén optan nos premios MIN ao mellor álbum de hip-hop polo segundo deles. 

E Abe Rábade Trío é finalista na cateogoría de mellor álbum de jazz co seu 'Once' saído do forno. 

Os gañadores daranse a coñecer o 28 de marzo nunha gala que terá lugar no Teatro Nuevo Apolo de Madrid. 
 

Comentarios