Unha trenza dunha nena finada en 1970, peza 15.000 do Museo do Pobo Galego

A colección de obxectos do Museo do Pobo Galego crece grazas ás achegas desinteresadas de centos de persoas.
trenza
photo_camera Detalle da doazón que fai a peza 15.000 do museo. (Foto: Museo do Pobo Galego)

A colección do Museo do Pobo Galego vén de alcanzar os 15.000 rexistros. E faino cunha peza "moi especial", asegura a institución: unha trenza de cabelo dunha nena falecida, doada pola súa familia.

"A perda dun ser querido é sempre dolorosa. É aínda máis dramática e menos aceptada cando se trata da morte prematura dunha filla. Para axudar a asimilar esta perda, era costume conservar obxectos persoais da persoa defunta que se gardaban agarimosamente como si dunha reliquia se tratase. De entre todos eses obxectos, o máis significativo era gardar o cabelo da persoa perdida", explican desde o Museo do Pobo Galego.

Unha doazón desinteresada

O cabelo humano é parte inherente do corpo dunha persoa; conservalo é unha maneira de testemuñar a existencia desa persoa e de gardar, nesa reliquia, a esencia do ser desaparecido. Ademais, o cabelo pode conservarse ben durante moito tempo, pois non se degrada con facilidade, o que dá a idea de perdurabilidade.

A trenza que leva o número 15.000 da colección, engade a institución nun comunicado, pertenceu a unha nena que finou de forma súbita aos 7 anos en 1970.

Desde entón, estivo gardada ao coidado da nai como recordo da filla perdida. "A trenza serviu como elemento integrador do grupo familiar especialmente para o resto da descendencia do matrimonio que non chegou a coñecer a súa irmá pero que a tiñan presente a través da súa reliquia".

A trenza estaba gardada xunto cun detente en forma de escapulario, un obxecto devocional defensivo, bordado e pintado a man. Desde agora, contribuirá a explicar a historia, a sociedade e a identidade galegas.

Unha doazón desinteresada, converteu este recordo familiar nunha peza singular da colección do museo que suma, 15.000 rexistros.

Comentarios