Festival Treme a Terra: homenaxe á resistencia antifranquista e actuacións de Ses, Nao, Voodoo e Rebeliom do Inframundo

Música, palestras, actividadees para crianzas, debates, homenaxes a guerrilleiros da comarca que, como Pancho ou Riqueche, combateron o fascismo.... A 18 edición do festival organizado polo Colectivo Terra (Pontedeume) vén do máis completiño.

Rebeliom do Inframundo_Alberto Lora
photo_camera Rebeliom do Inframundo_Alberto Lora

O próximo 9 de decembro dará comezo a 18 edición do Festival Treme a Terra. O evento, organizado polo colectivo Terra de Pontedeume, terá como fio condutor a loita antifranquista e contará coas actuacións de Voodoo, Ses, Nao e Rebeliom do Inframundo.

Palestras, homenaxes e música daranse cita no festival de Pontedeume, que volveu no ano 2015 após varios anos de silenciamento forzoso. “Cando entrou o PP na alcaldía, déronnos permiso para celebrar o Treme a Terra un ano. Pouco despois, alegando reformas no pavimento, negáronnos o permiso para realizar alí o festival. Estivemos anos parados ata que o goberno do municipio volveu mudar. Non foi ata o ano 2015 cando se retomou a normalidade a respeito deste tema”, explica un dos membros do colectivo. A edición, que terá como eixo temático a resistencia galega durante a guerra civil, servirá como homenaxe os galegos e galegas que durante a contenda perderon a vida na procura da liberdade.

O festival, que conta cunha programación repartida ao longo dos días 9, 10, 19, 15, 16, 17 e 31 de decembro, dará comezo o sábado 9 a partir das 21:00 na pista Polideportiva coas actuacións de Voodoo, Ses, Nao e Rebeliom do Inframundo. “Este ano contamos, ademais de coas súas actuacións, co estreo dos discos de Sés e Voodoo, que presentan novo traballo”, coméntannos desde a organización do festival. Durante o domingo 10 pequenos e maiores poderán gozar de Cé Orquesta Pantasma, a partires das 17:00h na Casa da Cultura do concello.

Cultura e memoria histórica únense durante o fin de semana do 15, que acollerá na sexta feira unha palestra sobre a Guerrilla Antifranquista da man do historiador Bernardo Maiz a partir das 20:00h na Casa da Cultura. O sábado 10 terá lugar unha homenaxe ao guerrilleiro Riqueche e ao resto do destacamento Arturo Cortizas, soterrados nunha foxa común no Mosteiro de Monfero.

O acto, que será no mesmo mosteiro a partir das 12:00h, contará tamén coa participación do historiador Manuel Domínguez. Durante o domingo 17, a Casa da Cultura acollerá ás 17:00h un minifestival para os máis pequenos, onde música e maxia irán da man co grupo Trebellos. O festival rematará o domingo 31, cunha ofrenda floral ao guerrilleiro eumés Francisco Martínez Leira “Pancho”, ás 12:00h no cemiterio de Meá (Mugardos).

O Colectivo Terra é unha asociación sen ánimo de lucro que leva anos traballando na defensa e difusión da cultura, lingua e historia galega. Independente desde o punto de vista político, o seu traballo persegue a visibilización dos dereitos nacionais e sociais do pobo galego dentro dun marco de desenvolvemento ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusto.

Comentarios