Treixadura volta para celebrar os seus 30 anos nos escenarios

Comezan xira este 2022 e presentarán en breve un novo traballo discográfico.
Treixadura voltará aos escenarios este 2022 (Foto: Treixadura).
photo_camera Treixadura voltará aos escenarios este 2022 (Foto: Treixadura).

"Si, os rumores son certos: o 2022 será o ano no que Treixadura volverá aos escenarios a celebrar os 30 de camiño que levamos xuntos". Con esta mensaxe nas súas redes sociais anunciaba o grupo Treixadura a súa volta aos escenarios após  paralizar as actuacións en directo "por responsabilidade" a finais de xaneiro de 2021.

Daquela sinalaban que era unha "decisión, moi meditada, non foi doada: os concertos e a posibilidade de compartir música tradicional dannos vida e énchennos de alegría". Mais durante estes meses non deixaron de traballar,  ultimando un libro-disco conmemorativo dos 30 anos do grupo. 

Desde o mes de outubro reiniciaron os ensaios de grupo e xa abriron a contratación para os concertos deste ano que coincidirá co 30º aniversario desde a súa creación. 

Trinta anos de historia nos escenarios

A agrupación naceu cos gaiteiros Antón e Xan López, Xaquín Xesteira e Xabier Martínez como membros orixinais aos que se lles sumou Ramón Vázquez, 'O Chilro'.

Partindo da música tradicional comezan a desenvolver un estilo propio. No 1992 dan o seu primeiro concerto no muíño vello de Redondela e comezan a realizar actuacións por toda a xeografía galega e tamén no resto do Estado español. 

Cos anos mudaron algúns compoñentes na formación coa marcha de Xabier Martínez, Ramón Vázquez e Xan López que facilitaron a chegada de Paulo Nogueira, César Longa e Magoia Bodega.

O seu primeiro traballo discográfico foi Obrigado (1996) aos que lle seguiron Unha noite no muíño (1999), Unha noite non é nada (2003), Unha semaniña enteira (2006), Esa si que é muiñada (2011), Vendima tarda (2015) e Inda canto! (2018).

Comentarios