Do 11 ao 16 de decembro

Trece estreas no terceiro Novos Cinemas de Pontevedra

Apuntamentos para un filme de atracos, o último filme do cineasta Elías León Siminiani (Santander, 1971), abre a vindeira terza feira, 11 de decembro, a terceira edición de Novos Cinemas, en Pontevedra.
 

presentación novos cinemas
photo_camera Membros da dirección e das institucións que participan no festival Novos Cinemas de Pontevedra. Foto: Novos Cinemas.

Dirixido no seu apartado artístico polo cineasta Ángel Santos e no executivo por Daniel Froiz, o festival estenderase até o 16 de decembro. Trece filmes cuxa proxección será estreo en Galiza conforman a columna vertebral do Novos Cinemas.

Segundo explicou Santos na presentación do encontro, a cita centrarase “en primeiros e segundos filmes de directores e directoras procedentes de todo o mundo”. Ao tempo, o cinema galego contará cun “oco especial”. Jaione Camborda, Eloy Domínguez, Eloy Enciso ou Diana Toucedo serán autoras cuxa obra máis recente poderá verse a vindeira semana en Pontevedra.

A sección competitiva pasará nove filmes. Haberá ademais unha retrospectiva dedicada á cineasta portuguesa Teresa Villaverde (Lisboa, 1966), que canda cineastas como Pedro Costa ou Marco Martins fixo parte da primeira promoción da Escola Superior de Teatro e Cinema. E un lugar para “o asesoramento e desenvolvemento de proxectos”.

As noites do Novos Cinemas, coorganizadas coa Sala Karma, ofrecerán un escenario ao máis graúdo da escena musical inpdependente. Actuarán Selvática, Disco Las Palmeras!, Pantano ou Tropas de Farlopio.

A competición


Trinta Lumes -o último de Diana Toucedo-, Chuva é cantoria na aldea dos mortos -de João Salaviza e Renée Nader-, Ti tes a noite -do montenegrino Ivan Salatic-, Sophia Antipolis -francesa, de Virgil Vernier-, Non presentado – do canadiano Antoine Burges-, Paxaros suburbanos -do chinés Qiu Sheng-, Un violento desexo de felicidade -do francés Clément Scheneider-, Drvo/ A árbore -portuguesa, de André Gil Mata-, e O mundo está cheo de segredos -do estadounidense Graham Swon-, son os títulos que disputarán os galardóns do certama.

O Novos Cinemas, promovido pola asociación Novos Cinemas e mais Matriuska co apoio do Concello de Pontevedra, a Deputación, a Xunta e a Universidade de Vigo, conta tamén con abondosos patrocinadores privados. As proxeccións serán na Casa da Luz, na Casa das Campás, no Teatro Principal e mais no Museo de Pontevedra.

Comentarios