Os trazos soñadores de Lolita Díaz Baliño

Lolita Díaz Baliño (1905-1963) é a artista homenaxeada no Día da Ilustración 2021, o primeiro ano que a efeméride recae nunha muller. Aínda que será pasado mañá a xornada marcada no almanaque, a Asociación de Profesionais da Ilustración comeza hoxe cunha charla arredor desta figura pioneira, cuxa traxectoria repasamos.
Retrato de Lolita Díaz Baliño. (Foto: cedida por Camilo Díaz Arias).
photo_camera Retrato de Lolita Díaz Baliño. (Foto: Cedida por Camilo Díaz Arias).

O sábado, como cada 30 de xaneiro, ten lugar o Día da Ilustración, coa excepcionalidade de que este é o primeiro ano que a efeméride recae nunha muller:LDB-4 Lolita Díaz Baliño. Se ben no Sermos Galiza dedicamos unha das reportaxes a analizar a situación actual do sector na Galiza, non queremos deixar pasar esta oportunidade de volver sobre a vida e o legado desta pioneira, arredor da que a Asociaión Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) promove mañá ás 12 horas unha charla na que Rosario Sarmiento nos achegará a esta "ilustradora dos soños". Moderada por Neves Rodríguez e coa presenza previa de Carla Berrocal, poderase seguir en liña.

Artista precoz

María Dolores Díaz Baliño naceu na Coruña en 1905, nun contexto familiar ligado ao mundo da arte, o que lle permitiría dar os primeiros pasos sen saírse do mandato do canon social. Destaca neste aspecto a recoñecida figura do seu irmán Camilo, galeguista e divulgador de condución plástica, un bo coñecedor do oficio no que Lolita se faría oco. Desde moi moza destacou na fotografía -hai constancia da súa participación con 19 anos nun certame fotográfico no Circo de Artesáns da Coruña-, para alén de na pintura.Lolita e outras

En 1926 intégrase na Exposición de arte galega de Santiago de Compostela, mais é nas publicacións gráficas -como Mariñana, Galicia Gráfica ou Céltiga- onde máis traballos atopamos durante a súa xuventude. O seu estilo nestes tempos aproxímase ao art déco sobrio e elegante, acorde coa moda do momento. Adoita representar mulleres modernas, decididas e elegantes, figuras estilizadas que dota de sutís movementos, moi na liña que caracteriza os anos 20. Tamén deseñou capas de libros ou carteis de festas, mais estes traballos, polo seu propio carácter efémero, son difíciles de atopar.

A súa obra pictórica tampouco é de acceso doado. Os debuxos e cadros máis temperáns estiveron moi relacionados co seu irmán, ligado ao rexionalismo. O folclorismo romántico, porén, esvaecería devagar, ou cando menos así o lamentaba a crítica coetánea. A autora evoluciona desta maneira cara a outras estéticas. Cómpre a este respecto lembrar a presión renovadora da vangarda que viven os grandes focos da arte occidental da época.LDB-1

Díaz Baliño, como é habitual no ambiente artístico coruñés, non será allea, mais fica coa faciana menos rupturista. Destaca como debuxante e acuarelista, técnica na que se identifica cun detallismo colorista, representando mundos irreais que lembran aos prerrafaelitas decimonónicos, en pezas como As fadas do caracol.

Pioneira e mestra

Forxou até o seu pasamento en 1963 un dos nomes máis consistentes na Coruña do terzo central do século XX, protagonista de varios fitos que marcaron as carreiras das artistas nos anos 30. En 1929, ao quedar orfa, recibe unha bolsa da Deputación da Coruña para cursar estudos superiores de Belas Artes en San Fernando (Madrid), ao que renunciou porque "o meu irmán non quixo aceptar a responsabilidade de deixarme ir soa", afirmaba nunha entrevista de Luis Caparrós, como unha das explicacións de que "o sexo inflúe na vida do artista".

"O meu irmán non quixo aceptar a responsabilidade de deixarme ir soa a Madrid", afirmaba nunha entrevista de Luis Caparrós, como unha das explicacións de que "o sexo inflúe na vida do artista"

Con todo, retomaba esta vía anos despois en compaña da súa discípula Carmen Arias. En 1934 participa na exposición de pintoras da Asociación de Artistas e catro anos despois, o 13 febreiro 1938, convértese na primeira muller, xunto a María Corredoira, en formar parte da Real Academia de Belas Artes.08_MARCO_MS_Dolores-D--az-Bali--o_0

Tamén foi das primeiras profesoras da escola de Artes e Oficios, dirixida polo seu irmán Indalecio. Alén da súa faceta como creadora, a docencia, pública ou privada, foi a súa actividade principal na posguerra e un dos seus labores máis lembrados. A cidade herculina non esquece a súa academia particular, localizada no que hoxe é a residencia sacerdotal. Por ela pasaron pintoras como María Antonia Dans ou María Elena Gago.

Aínda que opinaba que "calquera pintora boa pode chegar a onde chega calquera pintor bo", matizaba que "normalmente non chega". Baliño era consciente, a través da súa experiencia persoal, dos obstáculos engadidos que elas topaban: "Eu non podo saír pintar ao campo, porque sendo muller chamo a atención que un home aforraría".

Con todo, a súa pegada é para a AGPI a dunha "artista multidisciplinar que desafiou as convencións sociais da época".

Homenaxe ilustrada

Parte da homenaxe que está a levar a cabo a AGPI promoveu unha serie de debuxos inspirados no seu traballo de varias artistas actuais, que podemos ver na esquerda, como Lidia Cao, Iria Ribadomar, Laura Romero ou Nuria Figueiredo.

Comentarios