Teatro Onomatopeia conmemora o quinto centenario da viaxe de Magalhães

Traxicomedia da primeira volta ao mundo

A compañía portuguesa Teatro Onomatopeia vén de estrear en Viseu De volta sem Magalhães, baixo a dirección do dramaturgo galego Carlos Santiago. Conversamos con el sobre a estrea, a conmemoración da primeira volta ao mundo mais a curiosa e controvertida figura de Magalhães.
devoltasemmagalhaes1
photo_camera Unha das escenas da peza teatral dirixida por Carlos Santiago, 'De volta sem Magalhães', de Teatro Onomatopeia. (Foto: Zunzum)

O autor compostelán Carlos Santiago recibiu desde a compañía portuguesa Teatro Onomatopeia e mais a Asociación Cultural Zunzum o desafío de facer un espectáculo que conmemorase os 500 anos da primeira circunnavegación do globo terrestre, e que recrease a controvertida figura de Fernando de Magalhães.

Santiago, que xa en moitas outras ocasións colaborara con ambas as entidades de Viseu, recolleu o desafío e naceu De volta sem Magalhães, unha traxicomedia histórica protagonizada por Roger Bento, Isabel Legoinha e Márcia Leite.

A viaxe que dá orixe ao espectáculo, e que conmemora agora o seu quinto centenario, nace xa de modo controvertido, posto que Magalhães, ao caer en desgraza na corte portuguesa por ser acusado de traficar cos mouros, lévalle o seu proxecto de navegación ao emperador español Carlos I.

Desta maneira comeza a polémica do navegante ibérico que, como di o autor da obra, "forma parte da épica tanto española como portuguesa pero é unha figura incómoda porque para o Estado español non é español". Proba disto foi, segundo o autor galego, o feito de "rescatar a figura de Elcano, que realmente non tiña un especial relevo, simplemente acabou sendo capitán porque Magalhães morreu".

Carlos Santiago engade tamén que "para os portugueses é considerado traidor por traer este proxecto ao emperador español, que ademais supuña un rumbo comercial competidor coa ruta das especies portuguesa".

Así as cousas, os festexos lusos desta volta ao mundo están, até o de agora, cinguidos a series documentais e a un espectáculo teatral estreado en Lisboa, ademais deste De volta sem Magalhães.

"O feito de que a circunnavegación durase tres anos, de 1519 a 1522, leva tamén a que a conmemoración dure outro tanto, o que non deixa de ter interese para unha compañía de teatro", explica Santiago, que amosa tamén o seu desexo de que a obra poida ser representada na Galiza en canto a situación sanitaria o permita.

A peza está inspirada na obra Relazione del primo viaggio intorno al mondo, unha crónica desta primeira volta ao mundo escrita polo italiano Antonio de Pigafetta, que tomou parte na expedición e foi un dos seus 18 sobreviventes.

O espectáculo recrea en chave traxicómica a visita que o italiano fixo en 1522 á corte de don João III de Portugal, para lle dar testemuño da viaxe, e defender a figura de Magalhães. Pigafetta faise acompañar nesa visita por dous mariñeiros, tamén sobreviventes da expedición, o portugués Francisco Rodrigues e mais o galego Vasco Gomes.

Márcia Leite interpreta ese mariñeiro galego que, "como adoita pasar, ninguén o sabe, pero os mariñeiros galegos tiveron un papel destacadísimo en toda esta historia", comenta Carlos Santiago.

Os demais roles da historia son interpretados por Roger Bento, que encarna Pigafetta, e Isabel Legoinha, que lle dá voz ao mariñeiro portugués. "O elenco é portugués pero de orixes moi diversas", conta o director, "Roger Bento é nacido en Francia, fillo da emigración; Marcia Leite é tamén descendente do éxodo, do Brasil; e Isabel Legoinha vén a ser a máis puramente portuguesa".

A.C. Zunzum, 13 anos desenvolvendo o seu proxecto de teatro comunitario

A Asociação Cultural Zunzum creouse en 2007, en Viseu, a partir do seu grupo de escena, Onomatopeia. A súa traxectoria está guiada polo traballo en favor dun teatro comunitario, no que a veciñanza ten un papel fundamental non só como consumidora dos seus espectáculos, senón tamén como produtora e integrante dos seus obradoiros.

"Vivir a comunidade é un desafío", como reza na páxina web o texto explicativo, creado pola actriz Márcia Leite, sobre o propio proxecto, e engade, "deixármonos ir até onde a mente nos levar, traspor o corpo, a coraxe para experimentar, unha forma de estar neste proceso creativo e de construción do ser eu con e no colectivo".

Agora, con De volta sem Magalhães, Zunzum e Onomatopeia dan un salto cualitativo cara a unha maior profesionalización.

Comentarios