Travesía poética para unha homenaxe nacional a Bernardino Graña

Será na Coruña o próximo día 1 de setembro e será no mar. O poeta Bernardino Graña recibirá unha homenaxe nacional no Atlántico, á beira e mesmo sobre as súas ondas. A AELG e arTeu preparan unha xornada mariñeira para o poeta que cantou a lenda da súa homenaxe: “Medre o mar!”.

 

Bernardino Graña
photo_camera Bernardino Graña

Quen promove a homenaxe é a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega(AELG) e o colectivo arTeu, coa colaboración da Universidade da Coruña e da Real Academia Galega. O día escollido é o primeiro do mes de setembro, agardando un mar calmo para acolleren na Coruña unha xornada enteira na que o Atlántico será, dunha ou outra maneira, o outro protagonista.

O programa comeza “Mirando ao Mar”, no parque da Torre de Hércules, cun encontro de artistas plásticos que elaborarán a súa obra arredor de Bernardino Graña. Alfonso Costa, Isabel Pintado, Tino Poza, Miguel Melero, Nolo Suárez, Nando Lestón, Marta Azul ou Suso Cubeiro serán algúns dos creadores que participarán na xuntanza. Un contacontos e un recital poético completarán a xornada da mañá, en terra firme mais co mar como horizonte.

Xavier P. Docampo, Fernández Ferreiro e Anxo Angueira serán os capitáns da travesía na lancha de pasaxe Rías Altas polo mar da Coruña que partirá ás 16.45 da dársena no que será, sen dúbida, o acto máis singular da xornada. Para participar cómpre anotarse previamente (correo [email protected] ou no tlf. 981133233 de 10 até 14 horas). A despedida do mar será coa marcha gaiteira en louvanza ao poeta a cargo de Peixe e amigos e Os Vicentes de Elviña, marcha que dirixirá aos participantes ao que os promotores definen como acto central da homenaxe.

Un mar de poesía e música daranse cita no Paraninfo da Universidade da Coruña para partillaren no acto que recolle o nome da homenaxe enteira: Medre o mar! Para aquela están previstas as intervencións poéticas de Manuel Rivas, Xulio Valcárcel, Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán vello, Pilar Pallarés, Cesáreo Sánchez Iglesias, Diana Varela Puñal, Marica Campo, Millán Otero, Xosé Luis Armesto, Xosé Luis Méndez Ferrín, Lois Dieguez, Marta da Costa e Xosé María Álvarez Cáccamo. Da música encargaranse A Quenlla, Pablo Coello e Xacobe Meléndrez Fassbender, Coro mar das Acentes e Xurxo Souto, quen presentou a iniciativa xunto con Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.

Medre o mar!, o título da homenaxe, está tomada dun poema seu, como unha “atlántica aperta da cidade da Coruña e de Galiza toda ao gran poeta de Cangas!”, ao autor de, entre outros Profecía do mar e Se o noso amor e os peixes.

Comentarios