sábado 29/01/22

Trasladan ao Courel os restos do poeta Uxío Novoneyra

A familia efectúa o traslado de Lugo a Folgoso do Courel nun emotivo acto que rematou co himno galego e a lectura dalgúns dos seus poemas.
Traslado dos restos do poeta a Folgoso do Courel, esta sexta feira (Foto: Concello de Lugo).
Traslado dos restos do poeta a Folgoso do Courel, esta sexta feira (Foto: Concello de Lugo).

Os restos mortais do poeta Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel, 1930 - Compostela, 1999) descansarán para sempre no Courel, após seren trasladados esta sexta feira desde Lugo até "a horta da súa casa", como pedira.

Así o manifestaron no acto de despedida celebrado no cemiterio de San Froilán, onde a súa familia recitou versos do poeta: "Vido visto ben Santiago / i esa cuestión non resolta / fago camiño de volta / camiño de volta fago. / Camiño de volta fago / volvo do cabo do Mundo. / Terra só en ti fúndome: / é a certeza que trago".

Após máis de vinte anos en Lugo, os restos do poeta galego descansarán en Folgoso do Courel, na súa casa, como era o seu desexo.

"O meu pai era un namorado de Lugo, era de Lugo, eu son de Lugo... pero o pediu facer o camiño á inversa: De Santiago ao Courel pasando por Lugo", afirmou Uxío Novo, fillo do homenaxeado.

Arrodeado de rosas

A familia quixo cumprir co desexo de Novoneyra e, tras ler varios dos seus poemas, co himno galego de fondo, describiu o seu novo lugar de descanso.

"Estará na horta baixo terra, como el quería, rodeado de rosas, de follas de castiñeiro de verdade e tamén de bronce", dixo a súa familia.

Así, despois de dúas décadas "rodeado dos seus amigos" Pimentel, Ánxel Fole e Álvaro Gil, entre outros, Uxío Novoneyra chega ao final do seu traxecto e descansará, para sempre, na súa casa, rodeado dos seus familiares.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Trasladan ao Courel os restos do poeta Uxío Novoneyra
comentarios