O tránsito da literatura galega cara ao inglés

Small Stations fai 11 anos dedicada á tradución
O tradutor e editor Jonathan Dunne
photo_camera O tradutor e editor Jonathan Dunne. Foto: cedida.

As cifras resultan elocuentes. Cando a editorial Small Stations comezou a traducir literatura galega ao inglés, en 2009, só había 29 libros galegos nesa lingua. Once anos despois, son 105. Corenta e seis deles viron luz en Small Stations, a editorial con sede en Sofía (Bulgaria) que dirixen Jonathan Dunne e Tsvetanka Elenkova. Os seus títulos están dispoñíbeis, explican, "a través de 39.000 librarías a un prezo razoábel" e cobren o arco temporal que vai, por caso, de Rosalía de Castro a Teresa Moure e pasa por Celso Emilio Ferreiro, Lois Pereiro ou Anxos Sumai.

Dunne estudou filoloxía clásica na Universidade de Oxford. "Quería modernizar o meu coñecemento aprendendo algunha lingua románica", relata a Nós Diario vía correo electrónico, "e acabei en Lugo. Atraíame a súa muralla romana e o verde da paisaxe". Non foi alí onde aprendeu galego, pero si algunhas das súas singularidades gramaticais: xa en Barcelona discutiu duramente cunha profesora de castelán sobre a existencia ou non do pretérito perfecto. "Nunca o escoitara durante un ano de estancia en Lugo", di. Decidiu coñecer as razóns profundas daquela distorsión: anotouse en clases de galego co escritor Camilo Valdeorras. Así descubriu ademais todo un continente, o da literatura galega.

A tradución "como metáfora da vida"

"Creo na tradución como metáfora da vida. As cousas pasan a través de nós, non somos os seus autores", responde á pregunta de por que dedicar tantos esforzos ao labor, "e creo que é moi importante a comprensión e a apreciación entre culturas. Sempre quixen situarme nese punto". Como proba do atinado das súas teses, a recepción especialmente cálida de dous volumes de Small Stations: New Leaves (Follas Novas, 2016) e Galician Songs (Cantares Galegos, 2013) de Rosalía de Castro en versión da poeta canadiana Erín Moure.

"A edición en inglés de Cantares Galegos tardou 150 anos en aparecer!", afirma Dunne, "e as de Moure foron as primeiras edicións completas en inglés de poemarios galegos da autora". Outros clásicos publicados pola editora na serie Galician Classics -coeditada pola Xunta- foron Long Night of Stone (Longa noite de pedra, 2012), de Celso Emilio Ferreiro en tradución de Jack Hill; Folks from Here and There (Xente de aquí e acolá, 2014), de Álvaro Cunqueiro por Kathleen March; His Excellency (Ilustrísima, 2017), de Carlos Casares segundo Jacob Rogers; ou a poesía reunida de Lois Pereiro (2011) polo propio Jonathan Dunne. Esa colección está parada á falta de coeditor.

O editor leva no lombo máis de medio cento de volumes traducidos do galego ao inglés por el mesmo. Non só para a súa propia empresa, senón tamén para editoras do prestixio de Penguin Random House ou Shearsman. "Entre eles adoitan destacar máis os títulos ca os autores", apunta, e menciona algúns: The Low Voices (As voces baixas, 2016, na editorial Harvill Secker), de Manuel Rivas; When There's a Knock on the Door at Night (Cando petan na porta pola noite, 2018, en Small Stations) ou An Animal Called Mist (Un animal chamado néboa, 2017, tamén en Small Stations).

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.      

Comentarios