A transición de 2005 e a súa correspondente xeración poética

A editora Chan da Pólvora cumpre o seu primeiro ano de vida e quere celebralo cunha nova aposta: '13. Antoloxía da poesía galega próxima', un volume que acolle trece poetas que comezaron a publicar despois do 2005, "ano en que conclúe politicamente a transición en Galiza". 

laradopazo-jesuscastro
photo_camera Arriba: Jesús Castro rapando a Lara Dopazo (dous dos autores referenciados) nunha presentación en Chan da Pólvora. Abaixo: varios dos poetas con Ferrín e Chus Pato na mesma libraría.

Nesta antoloxía, que será presentada esta sexta feira na libraría homónima, poderemos ler textos de Alicia Fernández, Andrea Nunes Brións, Berta Dávila, Lara Dopazo Ruibal, Oriana Méndez, Celia Parra, Xabier Xil Xardón, Gonzalo Hermo, Samuel Solleiro, Ismael Ramos, Francisco Cortegoso, Jesús Castro Yáñez e Antón Blanco. Son 13 poetas que rondan a trintena e que publicaron o seu primeiro libro despois de 2005, "ano no que as eleccións autonómicas abriron en Galiza un período histórico de novas circunstancias políticas e sociais", segundo a editorial. 

variosautores

Eses poetas seleccionados por María Xesús Nogueira, permítenlle aos lectores e lectoras "descubrir unha paisaxe até agora nunca abordada: a que emerxeu dunha longa transición democrática e das tensións estéticas provocadas pola crise económica", en palabras de Chan da Pólvora.

Trátase ademais da primeira coedición, en edición bilingüe galego-español que realiza Chan da Pólvora coa editorial madrileña Papeles Mínimos. "É unha antoloxía da poesía das promocións máis recentes, a máis próxima a nós", explica Nogueira, "que reúne trece voces moi diversas entre si, que naceron desde os comezos dos 80 até mediados dos 90 e que publicaron nun periodo bastante dilatado. Pretende ofrecer unha panorámica da poesía que se está publicando hoxe en día". Moitos destes autores -sete concretamente- formaron tamén parte doutra antoloxía de "novísimos" que publicou en decembro do ano pasado a editorial Apiario titulada 'No seu despregar'. 

Outro trazo que salienta Nogueira é "a heteroxeneidade e a autonomía á hora de elixir camiños estéticos, ao contrario do que aconteceu noutros periodos, non hai unha estética xeracional dominante"

Verbo da procura dunhas trazas comúns nesta xeracion, Nogueira cre que comparten algunhas características en común en canto a formación: "esta xeración, toda ela, contaron xa con ensino obrigatorio do galego e da súa literatura e tamén unha serie de experiencias derivadas do proceso de transición democrático, naceron todos eles en democracia, no período autonómico, pero tamén comparten contexto económico, e os efectos da chegada da crise ao mundo actual". 

Non é casual, afirma a crítica literaria, a procura de alternativas editoriais por parte deles, pero tamén "a precariedade laboral como experiencia, que é un trazo que tamén os une". A crise marcou toda a deriva do sistema editorial galego e xornalístico, explica Nogueira, "e tamén do seu horizonte profesional, nalgúns casos aínda están en formación. Pero todos eles coñeceron un contexto marcado por esta hostilidade do sistema económico". 

"Heteroxeneidade e autonomía"

Outro trazo que salienta esta especialista é "a heteroxeneidade e a autonomía á hora de elixir camiños estéticos, ao contrario do que aconteceu noutros periodos, non hai unha estética xeracional dominante, cando menos, aínda que si hai afinidades. Algunha destas pode ser un discurso social e político ou filosófico que se viña dando desde 'Pólvora e magnolias' en diante". 

"Naceron todos eles en democracia, no período autonómico, pero tamén comparten contexto económico, e os efectos da chegada da crise ao mundo actual", defende a crítica María Xesús Nogueira

Outra afinidade, continúa, que se percibe nalgunha das voces "ten que ver co xénero, e coa súa reivindicación, vinculada moitas veces a cuestións de índole sexual e outras de índole local, pero si esa preocupación polo xénero". Tamén egue habendo unha importante presenza de literatura intimista, que explora territorios diversos e algunhas destas voces comparten "a querenza por unha poesía ficcional creando os seus propios universos autónomos". E, claro, as novas tecnoloxías, "que xa as teñen naturalizadas e  as aproveitan para a difusión das súas obras".

Sen embargo, María Xesús Nogueira nega que se comporten colectivamente como unha xeración: "Si hai unha presenza pública conxunto por parte deles en recitais, que volven coñecer unha etapa de esplendor, e teñen unha presenza no mundo público, pero non creo que sexa máis que unha agrupación conxuntural, sen máis obxectivo que presentar a súa obra". "Non vexo ningún espírito grupal", defende.

Comentarios