Cultura

En remoto: desafíos da interpretación e a tradución en tempos de pandemia

Os efectos da pandemia déixanse tamén notar nos eidos da tradución e a interpretación, cun incremento da demanda de servizos en remoto. Iria Taibo, reelixida presidenta da asociación galega de profesionais nestes dous ámbitos, explica a 'Nós Diario' os principais desafíos que enfronta o sector.
A interpretación remota incrementou moito a súa demanda [Traductam].
photo_camera A interpretación remota incrementou moito a súa demanda [Traductam].

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) vén de renovar a súa xunta directiva, á fronte da que se mantén Iria Taibo na presidencia. Nós Diario aproveita para conversar con ela sobre os desafíos e transformacións que enfronta o sector en tempos de pandemia.

A asemblea, alén de apoiar por unanimidade o novo órgano de xestión, apunta as liñas de traballo da asociación profesional, especialmente marcadas pola actualidade da crise sanitaria. O eido que se viu máis afectado neste senso, explica Taibo, é o da interpretación, que viu de súpeto totalmente paralizada a súa actividade durante o confinamento e nos meses posteriores, ante a cancelación de múltiples eventos internacionais, que constitúen a súa maior fonte de traballo. Taibo refire certo movemento para tratar de darlle pulo á interpretación en remoto, ante o que xorde a preocupación "de que sexan grandes empresas as que copen ese sistema".

Con todo, moitas profesionais están intentando formarse para adaptarse a esa vía laboral que, segundo todos os indicios, vén para ficar. "Hai que ver tamén quen asume os custos diso", sinala a tradutora. Normalmente, en ámbitos como o da interpretación simultánea viña sendo a empresa a que se facía cargo de instalacións e material (cabinas, microfonía...), pero coas dinámicas introducidas por traballos a distancia estes aspectos quedan no ar, aínda por definir.

Tradución remota

"Eu mesma, que non fago interpretación, teño clientes pedíndome que faga remota", conta Taibo, o que reflicte claramente o incremento de demanda destes servizos. Para as axencias ou a clientela final isto pode resultar a priori máis cómodo, pois "pode asumirse que vai ser a intérprete a que poña o equipo ou a conexión a internet".

Ao transitar por un terreo indefinido, a asociación decidiu elaborar unha pequena guía que resume os aspectos a ter en conta á hora de ofrecer un servizo deste tipo. A parte técnica é a máis complicada, xa que en circunstancias normais non serían preocupación do seu traballo. "Algunhas compañeiras están a montar un hub para poder facer interpretación remota pero desde un local cunhas condicións de son e outras características máis axeitadas", conta Taibo.

Na tradución, segundo os datos recollidos por unha enquisa ás persoas socias de AGPTI, as circunstancias dependen bastante do sector. "Hai xente que máis ou menos mantivo a actividade. No eido médico, por exemplo, continúa a haber bastante traballo", mentres noutros a situación complicada das empresas levou a reducir custos en tradución. No literario, unha das caras máis visíbeis, ficou parado en certo momento, mais agárdase que se recupere. Esa é a sensación, estar a observar como evoluciona o contexto.

Tradución xurada

Fóra destes puntos críticos a raíz da pandemia, a asociación pretende continuar liñas de traballo previas. Unha das máis salientábeis ten a ver coa tradución xurada e a Administración pública. Na Galiza, hai moitos anos nos que non se convocan exames de acreditación, o que orixina unha situación anómala. "Desde a reforma universitaria, non mudou a lei que permite habilitar as graduadas para seren tradutoras xuradas, polo que hai uns 12 anos que só se poden habilitar as persoas que teñan estudos previos", resume Taibo.

"Ao non haber profesionais para galego, poden darse situacións tan absurdas como que haxa que pasar polo castelán, porque para certas linguas non haxa os profesionais suficientes ou porque a propia Administración en ocasións non recoñeza as sinaturas das profesionais galegas", engade, como consecuencia desta problemática.

Dereitos e regulación na sanidade

A pandemia deu impulso tamén a outra liña de traballo moi interesante, a que ten que ver coa interpretación no ámbito sanitario. "Non está moi claro cales son os dereitos das pacientes e hai un grupo de traballo que está a estudar a situación legal noutros países, máis ou menos próximos, ou que sexan vangarda neste sentido", di a presidenta. A recollida de datos facilitaría a elaboración dun documento que levar á Administración na procura de aprobar un texto de mínimos que garanta os dereitos das pacientes. "Ás veces estes dependen de que haxa persoal no hospital sensibilizado con esa cuestión, o modo de contratación é tamén algo moi aberto...", comenta. Así, parte do labor da asociación transcende a defensa máis evidente dos seus propios dereitos laborais para ocuparse de cuestións que atinxen a xustiza social.

Comentarios