Tradi na Rede: "O virtual pode ser un bo camiño para o folclore"

Nace Tradi na Rede, unha nova escola virtual coa que poderás iniciarte na música e o baile tradicionais da man de Noa Migal (pandeireta), Miguel Vázquez (gaita) mais Antonio Prado (baile), con quen conversamos para saber máis desta nova plataforma. De maio até agosto, Tradi na Rede propón un conxunto de cursos continuos, obradoiros e outros contidos para comezar ou, tamén, seguir aprendendo tradi. 
tradi na rede
photo_camera Noa Migal e Antonio Prado, co traxe tradicional, da man da A.C. Donaire, no Interceltique de Lorient 2014. (Tradi na Rede)

Que os impulsou a crear a plataforma Tradi na Rede?

Esta idea é algo que xa roldaba na cabeza dos tres que a formamos, mais que, con esta crise, precipitouse. Tradi na Rede érguese como unha ferramenta en liña para que todas aquelas persoas que teñan interese no noso folclore, mais que non teñan preto unha escola, ben sexa porque viven fóra da Galiza ou porque os horarios non lles coinciden, dispoñan dunha plataforma na que introducirse ao tradi. Queremos aclarar que non é unha clase tal e como a podemos ofertar nunha asociación ou nunha escola, mais é unha maneira de poder iniciarse, de ver se gusta, e así tamén poder continuar noutro tipo de cursos. 

De momento contan con cursos de iniciación ao baile, á gaita e á pandeireta.

Si, estes son os tres primeiros que fixemos, coa intención tamén de poder sacalos adiante mentres estamos confinadas, para que a xente os aproveite. Os tres son de iniciación, á gaita, ao baile e á pandeireta. Para poder participar non é practicamente necesario dispor de material: no baile só precisamos un pouquiño de espazo; no de gaita, amañamos cunha frauta doce; e en pandeireta podemos comezar incluso cun libro. Pensamos que as persoas que xa teñen coñecementos previos poden seguir traballando estas semanas desde a casa, mais notamos que faltaban eses recursos para a xente que si quere iniciarse e que non ten eses coñecementos base. 

É interesante que non se  precisen eses instrumentos para iniciarse. Que  duración teñen os cursos  e cando comezan? 

De feito, na maioría das escolas, comézase coa frauta doce para iniciarse na gaita, e podes aprender moitísimo igualmente. Polo tanto, cunha frauta doce, quen teña interese, pode comezar sen ningún tipo de dúbidas. Ás veces tamén está o factor do gasto, daquela, neste curso, que dura catro meses, podes ver se che gusta e, a partir de aí, decidir.  A xente vai poder inscribirse en calquera momento, imos comezar o 1 de maio coas clases e, a partir de aí, recibirán cada semana unha clase virtual, unha gravación, xa que non é unha clase en directo, mais si poderán consultarnos calquera dúbida. Aínda así, poderás incribirte máis tarde e acceder aos materiais anteriores, non haberá problema para poder seguir o curso. Decidimos que durase catro meses, primeiro pola situación actual, pois agora mesmo non sabemos que vai pasar de cara ao curso que vén, mais se en setembro continuamos confinadas, valoraremos o contexto que temos.

Lanzaron a plataforma  a semana pasada. Como  está sendo a acollida? 

A verdade é que xa temos xente inscrita e moitas persoas que nos preguntan dúbidas. Imos intentar que a xente, co que teña na casa, poida aproveitar estes cursos. Somos tres persoas que nos dedicamos profesionalmente á docencia da música e do baile tradicionais. Temos unha incerteza de como será o mundo e a vida despois da pandemia, de como se van retomar as actividades nas escolas, nos centros cívicos... Por iso pensamos que o virtual pode ser un bo camiño, xa non só para quen coñece o folclore, mais tamén para quen desexe iniciarse.  

Notan o boom do tradi  a nivel educativo? 

Nós somos da contorna da Coruña e nos últimos cinco anos hai un interese grandísimo por aprender, por poder desfrutar do folclore desde a base, algo que me parece super importante, un boom de xente que queira tocar e bailar... Agora, aquelas persoas que estean dubidosas, con estes cursos, xa poden animarse. Noutros países contan con plataformas que funcionan desde hai anos, e pode ser un punto de partida. Hai unha escola irlandesa que é referencia, a Online Academy of Irish Music... Nós tomámolo como uns tutoriais onde poder comezar.  Igual é interesante ver isto de cara ao futuro, como unha escola máis global da música tradicional galega.

Comentarios